Cuenca
ou Santa Ana de Cuenca Capital da provincia de Azuay, Ecuador, situada nos contrafortes da cordilleira dos Andes, nunha rexión agrícola e gandeira (255.028 h [1997]). Nos últimos anos experimentou un gran crecemento que a converteu na terceira cidade máis importante do país. A industria constitúe a base da súa economía, da que destacan a fabricación de electrodomésticos e mobles, e a produción de papel e tecidos. Co tempo adquiriu grande importancia o sector conserveiro. Tamén cómpre salientar as actividades comerciais e bancarias. Fundouna en 1557 Gil Ramírez Dávalos sobre a cidade indíxena de Torrebamba co nome de Santa Ana de los Ríos de Cuenca. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral, o colexio de los Sagrados Corazones e o convento de El Carmen. A UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade (1999).