Cuesta Núñez, Xusto Paio
Profesor, avogado e político. Estudiou segundo ensino en Monforte de Lemos, dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e doutorouse en Madrid en 1846. Foi catedrático de Dereito Internacional Privado. Deputado a Cortes polo distrito de Vigo (1853), en 1857 foi nomeado fiscal da Audiencia Territorial da Coruña. Despois desempeñou a función de fiscal de Imprenta en Madrid. En 1863 foi reelixido deputado polo distrito do Carballiño. No Congreso de los Diputados presentou a súa proposición de lei sobre a abolición dos foros. Interveu no Congreso Agrícola Rexional convocado en 1864 pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago para estudar a cuestión foral. Continuou co seu escano entre os anos 1864 e 1865. Participou na Revolución de 1868 no bando liberal. Co triunfo da Revolución, desempeñou os cargos de asesor do ministerio de Facenda e subsecretario de Gracia e Xustiza, posto do que dimitiu ao pouco tempo. Senador por Vigo e A Coruña a partir de 1870, defendeu os intereses de Galicia. En 1874 ocupou a asesoría xeral de Facenda. Dende 1881 foi senador vitalicio e ocupou o cargo de vicepresidente do Senado. Coa Restauración, militou primeiro no Partido constitucional e, posteriormente, no Partido liberal-fusionista con Sagasta (1883). Rexeitou a carteira de Ultramar, pero aceptou o ministerio de Facenda (1883), con Posada Herrera no goberno. Co retorno de Sagasta, foi presidente do Consejo do Estado. Foi un dos primeiros accionistas da Institución Libre de Enseñanza (ILE), vicepresidente da súa primeira xunta directiva e terceiro rector; mesmo pronunciou o discurso de apertura deste centro no curso 1878-1879. Deu clases de monarquía e réxime parlamentario na escola de Estudios Políticos (1879), dependente da ILE. Distinguiuse ademais polas súas intervencións no ciclo de conferencias do Ateneo de Madrid. Publicou no BILE o artigo “Forma federativa del Imperio Alemán” (1877).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Marín -
Deceso
Lugar : Madrid