Cuíña, Santa María de
Igrexa parroquial situada en Oza dos Ríos. Está documentada por unha doazón do s X realizada por dona Paterna ao mosteiro de Cis. Os trazos decorativos e estruturais permiten datar a súa construción nos primeiros anos do s XIII. O templo presenta unha nave e unha ábsida de planta semicircular precedida dun tramo recto cunha bóveda de canón apuntada. Na capela ábrense tres fiestras con arcos de medio punto abucinadas e, sobre elas, servíndolle de arranque á bóveda apuntada, sitúase unha imposta con molduras. O arco triunfal é apuntado e dobrado, e a rosca menor descansa sobre un par de semicolumnas pegadas, situadas sobre bases áticas decoradas con follas, motivos xeométricos e sogas. Os capiteis amosan distinta ornamentación: o do lado norte presenta dúas grandes follas sen nervios que rematan en volutas das que penden pomas; e o meridional é unha variante do capitel de entrelazo. Nos muros da nave consérvanse pinturas do s XVI de estilo hispanoflamenco. O beiril está sostido por canzorros con perfil de moldura e un cilindro na parte superior. Ao norte da nave ábrese unha porta rematada por un lintel que descansa sobre dúas machetas de moldura e dúas pequenas fiestras de medio punto. Na fachada occidental existe unha porta abucinada gótica con arquivoltas apuntadas que teñen clave en lugar de xunta central e que descansan sobre as xambas. No centro, un lintel pentagonal liso apóiase sobre machetas.