Cuíña Crespo, Xosé
Industrial e político. Despois de cursar estudos de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, ocupou, en 1973, o cargo de concelleiro da corporación municipal de Lalín. Tras a celebración das primeiras eleccións municipais democráticas (1979), foi elixido alcalde de Lalín, cargo que desempeñou durante once anos. Foi deputado do grupo parlamentario popular no Congreso de los Diputados pola circunscrición electoral de Pontevedra (1983 e 1989) e presidente da Deputación Provincial de Pontevedra (1987-1989). Nas eleccións autonómicas de 1989 obtivo a acta de deputado, cargo que renovou nos comicios posteriores de 1993, 1997 e 2001.
En 1987 converteuse en vicepresidente-coordinador do grupo parlamentario popular no Parlamento de Galicia. En febreiro de 1990 o Presidente da Xunta nomeouno conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, departamento que posteriormente pasou a denominarse Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, responsable da xestión das obras públicas, portos de titularidade autonómica, augas interiores, etc.
En 1989, tras a refundación do seu partido, foi nomeado presidente do comité local de Lalín, do comité da comarca do Deza e vicepresidente provincial do PP en Pontevedra. En 1990 accedeu á secretaría xeral dos populares galegos e en maio de 1992 acadou o nomeamento de presidente provincial e vicepresidente do partido en Galicia.
Dende 1996 foi membro do comité executivo e da xunta directiva nacional do Partido Popular. Abandeirou posturas galeguistas dentro do Partido Popular e, á marcha de Fraga, tentou reunir apoios para recuperar a presidencia do Partido Popular. Porén, e malia diversos contactos con Xosé Luís Baltar, non conseguiu xuntar as sinaturas necesarias para competir polo posto. O 31 de agosto de 1999, logo dunha pequena crise interna, dimitiu de todos os seus cargos dentro do PP galego. Mantivo a súa acta de deputado no Parlamento pola provincia de Pontevedra ata o seu falecemento. Foi nomeado fillo predilecto de Lalín en 2008
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Prado, Lalín -
Falecemento