Culcita
Culcita
[PLANTA]
Xénero de fentos, da familia das culcitáceas, de rizomas grosos, cubertos por tricomas finos e de cor vermella, e frondes, que poden acadar os 2 m de lonxitude e que se presentan de 2 a 5 veces pinnadas, con soros marxinais no ápice dos nervios e indusio con dúas valvas. Abrangue 10 especies: oito distribuídas por Taiwán, Malaisia, Australia, Nova Caledonia, Fixi e Samoa, unha propia da América tropical e outra, C. macrocarpa, endémica dos Açores, Madeira, Canarias, as serras de Algeciras, as fragas do Eume e algunhas localidades de Asturias, propia de rochedos umbrosos en medios ácidos e termófilos, condicións que hai nalgúns bosques de ribeira.