Cullera
Cullera
Municipio da provincia de València, Comunitat Valenciana, na comarca da Ribera Baixa (20.595 h [1996]). Sitúase na costa, na chaira aluvial estendida a ambos os lados do Júcar, desde o pé da serra de Corbera ao S, ata as mariñas meridionais da Albufera ao N. As súas actividades económicas principais son a agricultura, na que destaca o cultivo de cítricos, e a pesca. Tamén é un importante centro turístico. A antigüidade do poboamento amósase no xacemento paleolítico de cova do Volcán del Faro. Trala presenza musulmana, Xaime I reconquistouno en 1240. Durante a Idade Moderna sufriu o ataque dos piratas berberiscos. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa dos Santos Juanes (s XVII), o castelo (s XIII) e a torre de Marenyet (s XV).