cullereiro -ra

cullereiro -ra

(< culler)

  1. s m

    Utensilio para colgar as culleres.

  2. s

    Persoa que fai ou vende culleres.

  3. s

    Persoa que se ocupa dos labores da cociña.

  4. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s m

      Ave acuática da familia dos tresquiornítidos, coas patas e o pescozo longos, e co peteiro grande de extremo ancho e aplanado. Aliméntanse de pequenos peixes, larvas de anfibios e invertebrados, que localizan ao remexer na lama co peteiro lixeiramente aberto. Voan de xeito lento coas patas e co pescozo estirado, e crían en plataformas pouco densas sobre árbores.

    2. cullereiro común [cast: espátula; ingl: spoonbill] [Platalea leucorodia, Fam dos tresquiornítidos]

      Ave de 90 cm de lonxitude, de plumaxe de cor branca, e peteiro de cor negra co extremo amarelo. Distribúese por Eurasia e o N de África, e inverna na India e no sueste de Asia e África. En Europa aniña en Holanda, na Península Balcánica e na Península Ibérica, onde só cría nas marismas do Guadalquivir. En Galicia inverna, en pequeno número, na enseada do Grove.

    3. cullereiro rosado [Ajaia ajaia, Fam dos tresquiornítidos]

      Ave de 80 cm de lonxitude, de cabeza de cor verdosa sen plumas, e plumaxe de cor rosada no resto do corpo. Está presente dende o S de Norteamérica ata o centro de Arxentina.

  5. s m [ANIMAL/ICT]

    esturión cullereiro.

Palabras veciñas

Culleredo | Culleredo, Santo Estevo de | Cullereiro | cullereiro -ra | Cullergondo | culleriña | Culleriña