Cumbraos, San Martiño de
Igrexa parroquial situada en Monterroso. De orixe románica, construíuse a finais do s XII. Ten unha nave e unha ábsida rectangulares. No interior destaca o arco triunfal de medio punto, peraltado e dobrado, coa rosca maior decorada con boceis e medias canas, e apoiado nun par de columnas acobadadas que teñen as bases baixo o pavimento do presbiterio. Os capiteis cóbrense con dúas ordes de follas estilizadas e aguzadas. A chambrana adórnase cunha fila de billetes. No exterior destaca a portada occidental formada por un arco semicircular peraltado e moldurado cinguido por unha chambrana de bólas e apoiado en dúas columnas acobadadas con capiteis vexetais e con pomas nos cimacios. Os canzorros que sosteñen os beirís son rudos e presentan cabezas de cuadrúpedes, figuras humanas, volutas ou sen decoración.