Cumiar, Santo Estevo de

Cumiar, Santo Estevo de

Igrexa parroquial situada en Ponteareas. Segundo unha inscrición do tímpano, construíse no s XIII. Ten planta e ábsida rectangular. Da construción románica conserva a portada occidental e o arco triunfal, que se apoia nun par de columnas entregadas cos capiteis repicados, un con decoración figurada e outro vexetal. O seu aspecto, de arco de ferradura, pode deberse á reconstrución do testeiro. No interior destacan os capiteis anexos ao altar, con representacións de rostros humanos. No exterior, a portada occidental remata nun arco de medio punto dobrado e apoiado en dous pares de columnas con bases de características áticas, mentres que os capiteis presentan unha orde de follas rematadas en espiral. As bases decóranse con sogas e con formas semellantes a cunchas de caracol. No muro norte hai unha peza que representa un león co rostro virado cara a atrás e coas patas dobradas, coa musculatura e a cabeleira talladas con rudeza.