Cummings, Edward Estlin
Escritor norteamericano. Comezou na narrativa coa novela The enormous room (O cuarto enorme, 1922), pero coñécese fundamentalmente pola súa poesía. A súa obra destacou polo carácter experimental e innovador, apoiado no dominio dunha técnica moi persoal baseada na minuciosa elaboración das formas poéticas e na atención a temas pouco tratados polos seus contemporáneos. A incorporación aos seus poemas de elementos tomados das artes plásticas, do ballet e mesmo do cine, como a concepción do espacio, dos planos diversos ou do movemento, achegárono á estética das vangardas históricas europeas. Os poemarios Tulips and chimneys (Tulipáns e chemineas, 1923), XLI Poems (XLI Poemas, 1924) e & (1925) constitúen o que a crítica considerou a súa primeira etapa, na que a sensibilidade e o sentimentalismo melancólico se combinan coa ironía e o cinismo, características comúns a toda a súa poética, en composicións que tratan de forma innovadora e atrevida temas universais, como o amor e a morte. Con Is 5 (1926) iniciou unha nova fase onde o dominio técnico vai acompañado dun acentuado sentido social. Posteriormente editou Him (Para el, 1927), W (ViVa) (1931), No thanks (Non gracias, 1935), Tom (1935), 1x1 (1944), Xaipe (1950) ou I: six nonlectures (I: seis non lecturas, 1953), entre outras obras.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cambridge, Massachusetts -
Deceso
Lugar : New Hampshire