cuna

cuna
  1. adx

    Relativo ou pertencente ao pobo ou á lingua dos cuna.

  2. s [ETN]

    Individuo do pobo amerindio cuna.

  3. s m pl [ETN]

    Pobo amerindio que habita no itsmo de Panamá, principalmente na República de Panamá, na comarca de San Blas e tamén no curso alto do Bayano, do Tuira e do Chucunaque. En Colombia localízanse ao L do golfo de Urabá. Os cunas chegaron a estas rexións no s XVI, trala chegada dos conquistadores. Durante os séculos seguintes enfrontáronse en diversas ocasións e atacaron as poboacións de Chepo, El Real de San Miguel e El Real de Santa María. En 1783 a Coroa hispana emitiu unha orde para reducir esta tribo, para o que empregaron os chocoes de Colombia, que se encargaron de empuxar os cunas ata as orixes dos ríos Chucunaque e Tuira. Durante o s XIX gozaron dunha relativa tranquilidade, e a maioría dos cunas que habitaban nas comarcas do litoral atlántico de Panamá ocuparon as illas do arquipélago das Mulatas. A finais do s XIX comezaron os enfrontamentos cos caucheiros e cos cazadores que se introduciron nos seus territorios. Despois da independencia de Panamá (1903) intensificouse o control sobre o seu territorio e iniciouse un programa de aculturación forzada, mediante a catequización, a expropiación dos terreos e a explotación de man de obra. Esta situación orixinou unha revolta que estalou o 21 de febreiro de 1925 en San Blas. O goberno negociou un tratado de paz cos cunas, coa mediación do ministro plenipotenciario dos EE UU, o 4 de marzo de 1925. Segundo o acordo, o goberno recoñeceu o dereito da tribo a conservar os seus costumes e as súas autoridades para manter a orde. O goberno panameño recoñeceu San Blas como reserva cuna en 1938 e elaboroulle unha Constitución en 1945, coñecida como a Carta Orgánica, pola que se creaba un organismo directivo, formado por xefes e representantes das aldeas, e recoñecía as atribucións de determinadas autoridades panameñas asentadas xunto á reserva. As familias cunas presentaban unha estrutura que se fundamentaba no matrimonio monogámico e se integraban nunha sociedade patriarcal. Organizábanse en aldeas que formaban confederacións. A súa poboación en Panamá ascendía a 47.298 h no ano 1990. A máxima autoridade política deste pobo é o Consello Xeral Cuna, no que participan os tres Sailas Tumat ou caciques xerais, o Intendente (un representante do goberno panameño), os diversos sailas locais, os voceiros, os representantes de cada unha das comunidades e os cunas que desexen asistir. Os tres Sailas Tumat exercen as súas funcións nunha porción específica da comarca, considéranse os depositarios da tradición e da doutrina e gobernan a comunidade segundo o interese xeral.

  4. s m [LING]

    Lingua amerindia pertencente ao grupo ístmico da familia lingüística chibcha que se fala en Panamá e Colombia.

Palabras veciñas

cúmulo | cumulonimbo | cun | cuna | cuña | Cuña | Cuña Bóveda, Ánxeles