Cuña Bóveda, Ánxeles
Pedagoga e directora teatral. Licenciada en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomada en expresión na Escola d’Expresió de Barcelona, combina a súa profesión de pedagoga nun instituto de Ourense co labor dramático. O seu traballo de dirección compleméntase cunha forte vontade de animación teatral centrada, fundamentalmente, en Ourense. É unha das poucas directoras do panorama dramático galego cun traballo continuado e constante dende hai máis de vinte anos. No ano 1977 dirixiu o seu primeiro espectáculo Farsas (creación propia) para a Agrupación de Teatro Xove e Independente Sarabela, compañía que, xa constituída como profesional a partir do ano 1991. Xunto con ATXI Sarabela montou outros espectáculos como O principiño, de Saint-Exupèry (1979); Barriga Verde, de Manuel María (1982); Xacobe ou a sumisión, de Ionesco (1989); ou SuperTot (1989). Para a compañía profesional Sarabela Teatro dirixiu espectáculos como Madame de Sade, de Yukio Mishima (1991); As sillas, de Ionesco (1992); Cama dous por dous para dous, de Sergi Belbel (1994); ou A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Para o Centro Dramático Galego dirixiu Leoncio e Helena, de Büchner no ano 1993. Foi tamén axudante de dirección de Ricard Salvat na montaxe que realizou a compañía institucional de Don Hamlet, de Cunqueiro no ano 1991. Amais disto, é unha das promotoras da conformación e consolidación da Aula de Teatro do Campus de Ourense e, posteriormente, dos distintos niveis de ensino dos que gozan os alumnos desta cidade para se formar no campo teatral. Nos últimos anos destaca tamén a súa produción escrita en colaboración con outros membros da súa compañía. É coautora de tres textos teatrais representados por Sarabela: Afección (1998), Tics (1998) e Os soños de Caín (1999), ademais do guión da curtametraxe Haberá cine nun burato negro?
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra