Cunningham, Merce

Cunningham, Merce

Bailarín e coreógrafo. Desenvolveu un importante labor de renovación e investigación na danza contemporánea. Comezou a súa carreira na Martha Graham Dance Company, participando en espectáculos como Every Soul is a Circus (1939), Letter to the World (1940) ou Appalachian Spring (1944). Posteriormente, iniciou traballos moito máis experimentais en colaboración co compositor John Cage ou con Robert Rauschenberg, os promotores dun novo tipo de espectáculo, o happening, que consistía nunha acción escénica en que se integraban as máis diversas linguaxes. En colaboración con Cage, desenvolveu unha nova forma de relación entre o movemento e a música ao romper coa tradicional dependencia que se establecera entre ambas as linguaxes.

En 1953 creou a Merce Cunningham Dance Company, coa que realizou un numeroso e moi heteroxéneo conxunto de espectáculos que destacan pola busca permanente de novas posibilidades de creación, centrando a súa atención nas potencialidades do corpo en movemento e na súa interacción co espazo, cos obxectos e con todo tipo de medios de expresión. En 1959 puxo en marcha un estudo de formación que se converteu nun dos centros internacionais máis importantes polo que pasaron novos intérpretes e coreógrafos, como Karole Armitage.

A súa traxectoria marca, define e exemplifica a evolución que viviu a danza contemporánea durante a segunda parte do s XX, e entre as súas propostas pódese citar Theatre Piece (1952), Rainforest (1968), Torse (1976), Points in Space (1986), Beach Birds (1991), Rondo (1996) ou Pond Way (1998).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Centralia, Washington

  • Falecemento

    Lugar : Nova York