Cunqueiro Mora-Montenegro, Álvaro Patricio
Escritor. Fillo dun farmacéutico nacido en Cambados, Xoaquín, casado con Pepita -da estirpe dos Moirón de Cachán-, parente dos Valle-Inclán e tamén dos Vicetto, instalouse coa súa familia fronte á Fonte Vella mindoniense. Cunqueiro dende cativo compaxinou a súa paixón pola lectura co contacto coa máxica realidade que lle proporcionaron as terras natais, paisaxe omnipresente nas súas ficións e nas súas reflexións sobre a vida; e foi nesta época cando escribiu en castelán unha novela de vaqueiros na que os indios se expresaban en galego. Era un texto no que os indios vencían os brancos pero que revelaba unha clara comprensión do noso conflito lingüístico. Trasladouse a Lugo para estudar o bacharelato e alí frecuentou a miúdo a Biblioteca Provincial e entrou en contacto con Ánxel Fole, os irmáns Correa Calderón e co poeta Luís Pimentel. Xa en Santiago de Compostela matriculouse, desde o curso 1927-1928, en Filosofía e Letras, na sección de historia, e tomou parte activa na intensa vida cultural e literaria da época, que se vivía máis nos parladoiros dos cafés Derby e Español que nas aulas, xunto con Fernández del Riego, García-Sabell, Ánxel Fole, Carballo Calero, Gamallo Fierros, Torrente Ballester, Arturo Cuadrado, Ánxel Casal, Carlos Maside, Eiroa, Xosé Mª Castroviejo, Manuel Colmeiro ou Luís Seoane. A pesar da súa paixón pola historia, achou no xornalismo e na literatura o seu verdadeiro modus vivendi. Na casa de Domingo García-Sabell tiña á súa disposición outra fabulosa e nutrida biblioteca e a posibilidade, daquela moi minoritaria, de escoitar discos. A súa sinatura apareceu naquel tempo en diversas publicacións como Nós, Resol, Yunque, Vallibria, Quaderns de poesía ou El Pueblo Gallego e noutras promovidas polo propio escritor como a editorial Un, as revistas Papel de Color e Galiza, da que editou en Mondoñedo o primeiro número o 25 de xullo de 1930 e que contiña poemas propios e doutros autores como Bouza-Brey ou Blanco Amor. Nos anos da Segunda República, revelouse literariamente como un excepcional poeta, abertamente vangardista e neotrobadoresco, nos libros Mar ao norde (1932), poemario de temática mariñeira ilustrado por Luís Seoane e editado por Ánxel Casal en Nós que se divide en “Porto” (3 poemas), “Mar outa” (9), “Illa” (7) e “Terra adentro” (2); Poemas do si e do non (1933), que vertebran unha peculiar historia de amor entre uns enigmáticos El e Ela e nos que predomina o verso longo; e Cantiga nova que se chama riveira (Premio Gil Vicente, 1933), onde ao lado de composicións que evocan as vellas cantigas medievais galego-portuguesas hai outras máis próximas ao neopopularismo cultivado pola Xeración do 27 e verdadeiros textos vangardistas, obras as tres que sitúan a Álvaro Cunqueiro antes do 1936 entre os primeiros poetas galegos da súa xeración e entre os recoñecidos fóra das nosas fronteiras, como Federico García Lorca ou Gómez de la Serna. En 1933 a súa sinatura pode lerse tamén na revista Nós, onde a súa poesía é gabada por Francisco Fernández del Riego e Augusto María Casas. Antes da guerra ideou unha peza teatral que fragmentariamente e co título de Xan, o bo conspirador se coñeceu nos anos 70, na que o autor se achega ao surrealismo de trazos lorquianos. Da obra, “invención nun prólogo e dous actos”, só se coñece o prólogo no que interveñen unha nena, un home de gravata e outro sen ela. Nos anos previos á contenda civil española participou en diversos actos galeguistas e de afirmación republicana e mesmo militou no partido que lideraban Alexandre Bóveda e Afonso Daniel Rodríguez Castelao, sempre desde posicionamentos claramente antimarxistas e como membro da Asociación de Escritores Galegos. Vinculado ao galeguismo cultural e incluso membro do Partido Galeguista nunha época, o estalido da Guerra Civil española sorprendeuno en Mondoñedo e levouno, secundando a posición da súa propia familia, a se adherir á sublevación militar xa dende o mes de novembro de 1936. Durante a guerra ensinou e viviu en Ortigueira, onde desenvolveu diversos labores na Falange, e máis tarde en Vigo (incorporado á redacción de El Pueblo Gallego e á docencia nun instituto) antes de trasladarse, a finais de 1938, a Donostia para traballar como redactor en La Voz de España, colaborar na Agencia de Información Control y Colaboraciones e asumir a subdirección de Vértice, publicada pola Delegación Nacional de Prensa y Propaganda e dirixida por Manuel Halcón. Anteriormente xa colaborara en xornais falanxistas, como o semanario Era azul. Guión de Falange Española y de las J.O.N.S. de Ortigueira do que saíu o primeiro número o 12 de novembro de 1936 baixo a súa dirección, e en 1939 chegou a Madrid para traballar na redacción do ABC e tamén para Escorial, mentres editou a xeito de separata de Vértice o relato “La historia del caballero Rafael: novela bizantina incompleta”, historia dun cabaleiro troiano proscrito que andou na busca da cidade morta á que pretendía liberar. Da súa produción xornalística desta época destacan, entre outros, os artigos “A la anchura del César”, “Necesidad de un César”, “En la hora final”, “De la grandeza y servidumbre del Caudillo”, “Comerciantes alemanes” ou “La leyenda áurea”. Como consecuencia da contenda abandonou a publicación en galego, só constan uns versos publicados en El Pueblo Gallego e incluídos en “Rueda de las cuatro estaciones” que posteriormente se recolleron en Dona do corpo delgado (1950). Dende a primavera de 1939 viviu en Madrid e o seu nome apareceu en diversas cabeceiras como Misión, Santo y seña, Fantasía, Lecturas, Hola, etc. En 1940 publicou en Barcelona o poemario Elegías y canciones, con prólogo de Uxío Montes, e casou con Elvira González-Seco. De 1945 son as narracións San Gonzalo, co pseudónimo de Álvaro Labrada, e Balada de las damas del tiempo pasado. Ao remate da década dos 40 e coincidindo cunha etapa de distanciamento do franquismo e de evidente e profunda crise persoal e profesional, (“un mal momento moral” en palabras do escritor), buscouse a si mesmo nas vellas rúas de Mondoñedo, na colaboración en xornais como o compostelán La Noche, no cultivo das antigas amizades galeguistas (en particular a de Francisco Fernández del Riego) e na elaboración de novas obras literarias como o heteroxéneo poemario Dona do corpo delgado (1950), o conto infantil en verso Rondeau en loor de un botánico del siglo XVIII que regresa de Cipango y Catay, y todas las Indias (1951), unha monografía sobre Maside (1951) escrita para Galaxia e as súas ficións narrativas inauguradas con Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Las mocedades de Ulises (1960) ou a Escola de menciñeiros (1960), sen esquecer Teatro venatorio y coquinario gallego (1958) ou Viajes por los montes y chimeneas de Galicia: caza y cocina gallegas (1962), en colaboración con Xosé María Castroviejo, e a súa peza teatral O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), unha das pezas máis relevantes de toda a literatura galega dramática. Como peche a este ciclo das que se poden considerar obras mestras cunqueirianas débese citar Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961), levada ao teatro pola Compañía do Centro Dramático Galego con dirección de Fabio Mangolini e dramaturxia de Quico Cadaval, no ano 1999, con evidente éxito como o demostra a cantidade de premios María Casares con que foi galardoada a versión escénica. A súa narrativa en galego traduciuse ao castelán de contado, principalmente polas editoriais barcelonesas Destino e Argos. O escritor reencontrouse con vellos amigos galeguistas desde Ramón Otero Pedrayo ata Domingo García-Sabell e mesmo entrou en contacto cos membros da que Méndez Ferrín denominou Xeración das Festas Minervais, tamén activa desde os anos 50 e coincidente coa súa etapa universitaria en Compostela. No Sinbad, libro que se debe ao narrador e tradutor Al-Faris ibn Iaquim al-Galizí (Álvaro o fillo de Xaquín o Galego), Sinbad, o vello mariñeiro que protagoniza as súas páxinas e devezos, goza enfiando historias inauditas sobre territorios, animais e persoas fantásticas e fala nos parladoiros das súas viaxes a lugares distantes, das súas aventuras sublimes e de costumes nunca vistos por ninguén. En moitos aspectos este vello Sinbad mariñeiro parece unha metáfora do propio Álvaro Cunqueiro, obrigado a facerse crer tamén e a manter o tipo perante un auditorio moi dado á dúbida. Os problemas, na ficción literaria, van vir cando Sinbad mariñeiro pase da teoría e a simple narración á práctica e volva tentar navegar. Pretende facelo para o príncipe de Farfistán e emprende camiño cun cego, curiosamente destinado a exercer de vixía, e o seu paxe, o sorprendido Sari. O lector intúe a derrota do piloto Sinbad e percibe como se derruba a súa argumentación e o seu universo -tan cunqueiriano- de soños, de memorias e de fábulas. A viaxe do vello piloto remata en catástrofe, as naos pretendidas non agardaron por Sinbad quen perde coa vista a súa capacidade de imaxinación e sen ela a mesma vida porque xa carece de emocións e de sentido. Toda unha lección que transcende do libresco e acada un lugar na filosofía xeral da literatura cunqueiriana. A novela vai seguida, como é costume en Cunqueiro, de apéndices, neste caso sobre os mares arábicos así como fragmentos dunha peza teatral chinesa. A obra Las mocedades de Ulises, ten un narrador que presenta a ficción como a proxección dos seus soños e onde se nos conta o nacemento e bautizo de Ulises, a súa aprendizaxe na loita e no amor, as súas viaxes e experiencias determinantes e finalmente a súa volta a Ítaca onde no canto de ser recibido por Penélope vai morrer entre a soidade e a desesperación. Con Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, Cunqueiro comeza a súa triloxía de retratos galegos -culminada con Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1979)- cunha colección de 15 semblanzas destes curandeiros máxicos, algúns coñecidos, outros imaxinados e todos eles predicadores da realidade profunda do ser galego. Ademais dos menciñeiros ofrece no libro unha particular fauna máxica onde ao lado do lobo, a galiña ou o cuco, comparecen demos diversos e o seu querido gatipedro, un gato branco cun corno mouro que provoca a micción dos nenos, presente tamén noutros libros ulteriores do autor. En 1963 ingresou a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell e Riccardo Carballo Calero, na Real Academia Galega coa lectura no seu Mondoñedo natal perante autoridades políticas o seu discurso de ingreso Tesouros novos e vellos. Algunhas imaxinaciós sober tesouros (21.4.1963) no que mesturou os seus coñecementos filolóxicos cos folclóricos en materia de tesouros, tamén foi membro da Hispanic Society of América de Nova York e Cronista Oficial de Mondoñedo en substitución de Eduardo Lence Santar, falecido este en 1960. Posteriormente editou Flores del año mil y pico de ave (1968), Un hombre que se parecía a Orestes (Premio Nadal, 1968), Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972) e El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes (1974). O Orestes céntrase na espera da vinganza despois do asasinato de Agamemnon e consta de varias fases que inclúen a chegada de Orestes a Micenas, o retrato de Orestes, a podremia de Micenas e un catálogo de temas tan cunqueiriano como a verdade e a mentira, a identidade, o tempo ou o desexo. A Orestes en definitiva estalle prohibido vivir en paz na súa patria. No Fanto Fantini della Gherardesca, o Renacemento italiano é como unha crítica época de transición. É unha época de formación do protagonista que inclúe adestramentos ao mesmo tempo no amor e nas armas, a súa biografía militar percorrendo Italia e as illas gregas e amando a Cósima e finalmente a súa chegada a Provenza onde morre e é enterrado. En El año del cometa un narrador alleo á historia revela a vida, morte e resurrección de Paulos, a súa nenez e a súa época de formación, a súa vida como soñador e astrólogo que interpreta os signos do cometa e imaxina a batalla dos catro reis, e tamén o seu asasinato. A novela trata un dos temas centrais da obra cunqueirana que xa aparecera no Sinbad: como o empobrecemento da imaxinación significa tamén o reinado da tristeza e a soidade. A súa obra xornalística, pola que recibe entre outros galardóns o Premio Conde de Godó, contén centenares de artigos e valiosas colaboracións parcialmente recollidos nos volumes El envés (1969), El descanso del camellero (1970) e Laberinto y Cía (1970). Tamén foi redactor e director do Faro de Vigo, ao que estivo ligado toda a década dos 60, e asumiu a dirección de Vida Gallega e a colaboración noutras publicacións do grupo como Faro Deportivo, e colaboracións radiofónicas en La Voz de Vigo e RNE. Utilizou diversos pseudónimos como Álvaro Labrada, Marcos Tapeey, Patricio Mor, Benito Moirón ou Felipe de Amancia. En 1970 abandonou a dirección de Faro de Vigo e, desde entón, editou as obras Xente de aquí e acolá (1971), Tertulias de boticas prodigiosas (1976) e Os outros feirantes (1979), libros de tema culinario -entre eles A cociña galega (1973)- e volumes de viaxes como Rías Bajas Gallegas (1975). En 1974 reuniu o seu teatro no volume Don Hamlet e tres pezas máis. En Xente de aquí e acolá, de 49 relatos, reflicte as características máis esenciais que forman a personalidade do prototipo galego, ademais de medio cento de retratos e a súa filosofía literaria cando defende que sendo tirados do seu maxín, os personaxes do libro son tan reais como Álvaro Cunqueiro, un que anda entre eles e conta cousas duns individuos que entre todos representan a identidade galega en termos de imaxinación, soños, devezos, cosmovisión, ironía ou o que o autor denomina “calidade intelectual”. Os outros feirantes está nesta mesma liña de Xente de aquí e acolá e Escola de menciñeiros libros que para Cunqueiro perseguían obxectivos comúns ata o punto de falar deles como dun “único libro”. En 1977 colaborou co Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galicia con outros importantes intelectuais para reflexionaren conxuntamente sobre os problemas da Galicia do s XXI. Relacionado nos últimos anos da súa vida co grupo Realidade Galega, en 1980 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela e en Vigo tributóuselle unha multitudinaria homenaxe na que pronunciou a famosa frase na que pedía “mil primaveras máis para a lingua galega”, dedicóuselle unha rúa e editouse un disco conmemorativo coa narración de versos coa súa propia voz. No mesmo ano recibiu outros galardóns, como o prestixioso Pedrón de Ouro, e apareceu editado o I volume da súa Obra completa (1980) onde se publicou a colección de poemas Herba de aquí e acolá, preparada polo poeta González Garcés, determinante na poesía galega finisecular e un dos libros poéticos máis influentes de Cunqueiro. Os poemas carecen de unidade e aparecen organizados en dúas partes: “As historias” e “Vellas sombras e novos cantos”. O poemario editouse en edición biblingüe en 1988 na colección Visor e como volume independente, en galego, en 1991. En 1982 e 1983 editáronse os volumes II e III da súa Obra completa en galego que recollen a súa obra narrativa. Á súa morte multiplicáronse os estudios, monografías e teses consagrados á súa riquísima obra e viron a luz novas antoloxías da súa obra xornalística como Fábulas y leyendas de la mar (1982), Tesoros y otras magias (1984), Viajes imaginarios y reales (1986), Los otros caminos (1988) ou El pasajero en Galicia (1989) realizadas por Néstor Luján e César A. Molina. Como autor teatral eríxese como un dos máis importantes dramaturgos en lingua galega, aínda que comparativamente a súa obra dramática sexa menor que a narrativa ou a poética. Un dos seus primeiros textos dramáticos foi Rúa 26. “Diálogo Limiar”, publicado en 1932 na revista Yunque, trátase dun prólogo de obra non escrita no que o autor se aproxima ao surrealismo de trazos lorquianos, onde todo o texto se afasta do naturalismo e a verosimilitude, ao igual que sucede na súa peza en castelán Rogelia en Finisterre do ano 1941. De 1965 é a súa peza teatral A noite vai coma un río, (traxedia nun prólogo e dúas xornadas) premiada no I Certame do Miño (Lugo, 1960) e estreada na Mostra de Ribadavia en 1973, onde o amor protagonizado por dona Inés de Valverde volve ser impedido pola morte. Tivo dúas edicións, unha incompleta do ano 1965 e outra completa de 1974. Nesta peza a protagonista, dona Inés, busca sen descanso o amor/amante ideal sen que chegue nunca a atopalo. Bórranse os límites entre a realidade e a ficción da protagonista e cunha linguaxe moi coidada, presenta unha obra moito máis achegada ao lirismo. Palabras de víspera (1974) é unha peculiar peza histórica que recolle o mito de Caín e Abel na figura do Rei Afonso de Castela e a súa irmá Urraca. O texto está só comezado e ofrece unha lingua moi coidada, apuntando algunhas das preguntas e teimas que se observan nos outros textos dramáticos de Cunqueiro, pero que queda fanado pola interrupción na escrita. Para completar esta lista de obras cómpre falar tamén da Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados que aparece inserida en As crónicas do sochantre en 1956. Este texto adianta xa algunhas das características do seu teatro: a intertextualidade e o metateatro. Outras obras menores son Érase una vez... datada en 1938 e A dama que engañada por un demo elegante quixo mercarlle ao vento a perdiz que falaba ou a verdadeira historia dun mandarín que por non gastar quedou cornudo, inserida en Si o vello Sinbad volvese ás illas de 1961. Fixo tamén a adaptación libre da peza de Lord Dunsany A sentenza dourada, publicada en Grial no ano 1980. Varios son os espectáculos que se fixeron a partir dos seus textos. Así, o Don Hamlet foi estreada no ano 1959 polo Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana baixo a dirección de Antón Naveyra. O Don Hamlet foi montado polo Centro Dramático Galego en 1991, compañía que representara xa no ano 1986 A noite vai coma un río, dirixida por Xulio Lago, e que no ano 1999 realizou unha adaptación para o teatro feita por Quico Cadaval de Si o vello Sinbad volvese ás illas, baixo a dirección de Fabio Mangolini. Tamén o grupo Tespis puxo en escena no ano 1973 A noite vai coma un río. Outros espectáculos baseados en textos seus foron Muller de mulleres realizado pola Escola Dramática Galega en 1978, Verbas de si para si polo grupo Tespis en 1983 e de Os outros feirantes, polo Teatro do Noroeste. No ano 1989 trece contos contidos en Os outros feirantes foron adaptados por Xosé Cermeño como teleserie para a TVG e producido por CTV-Galaxia co mesmo título do libro. Paralelamente á súa obra de creación, Cunqueiro ten unha extensa produción, a maioría espallada en revistas e xornais como Galicia Emigrante, Grial, Nós ou Faro de Vigo, como tradutor ao galego de multitude de poemas e prosa de autores ingleses, italianos, franceses, cataláns, provenzais, romaneses, rusos, polacos, chineses, etc. A maioría destas traducións publicáronse baixo pseudónimo (Álvaro Labrada, X. Berenguer, Ariel García, Cristóbal Xordán, Seoane, S. Seoane, S. S. ou Patricio Mor) e entre os autores máis traducidos sobresaen, entre outros, Baudelaire, Hölderlin, Apollinaire, Ezra Pound, Cesare Pavese, Yeats, Carles Riba, Salvador Espriu ou Cavafis. Por outra banda, cómpre destacar á marxe da súa faceta literaria e xornalística o seu labor de conferenciante e a súa vinculación coa radio. Asiduo colaborador nos parladoiros radiofónicos dende a década dos 50, entre os anos 1965 e 1981 realizou para Radio Nacional de España as series de relatos: “Cada día tiene su historia”; “El mundo y sus ventanas. Novedades de todo tiempo y lugar”; Andar y ver por Galicia”; e “Estampas de mi mundo. Haz y envés de Galicia”. Posteriormente Xosé Filgueira Valverde recompilou e catalogou estas colaboracións, publicadas pola Fundación Barrié de la Maza, e en 1991 editouse o libro A maxia da palavra: Cunqueiro na radio acompañado da gravación das series “Andar y ver por Galicia” e “Cada día tiene su historia”. En La Voz de Vigo foi guionista do programa Lenda e música e adaptou para a radio O soño dunha noite de verán, de Shakespeare. As súas pezas teatrais adaptáronse radiofonicamente (A noite vai coma un río, O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca) e moitas delas versioneáronse en máis dunha ocasión; ademais no décimo cabodano da súa morte Radio 4 de RNE en Galicia emitiu a adaptación da totalidade da súa obra teatral. Tamén a súa prosa estivo presente na radio, varios contos de Merlín e familia e a novela Un hombre que se parecía a Orestes, adaptáronse para Radio Nacional de España. É un dos principais escritores galegos da época contemporánea e tamén un dos que máis influíron nas letras galegas do s XX, como poeta, prosista e como autor teatral. Foi tamén un dos poucos autores que chegou vivir profesionalmente dos seus escritos. Novidoso poeta, devoto conversador, excelso fabulador, elocuente orador, grave dramaturgo e cultísimo xornalista, legounos en conxunto unha das obras máis valiosas do s XX tanto pola súa riqueza estilística e idiomática como pola profunda reflexión á que someteu os grandes temas da historia literaria universal. Xulgado ás veces sen rigor e nunha confusión de valores literarios e políticos que sempre convén deslindar, acusado nalgún tempo de pouco comprometido e mesmo de escapista, cultivador ademais dunha literatura dificilmente encaixable nas categorías e clasificacións máis coñecidas e máis clásicas, non obstante parece máis relevante a súa produción textual nos diferentes xéneros que cultivou tal e como a crítica literaria manifesta en numerosas monografías e traballos académicos elaborados en universidades de todo o mundo. Fillo Predilecto de Mondoñedo (1965), Medalla de Ouro de Mondoñedo (1973), Lugués do Ano (1980) e Pregoeiro Oficial do Camiño de Santiago, en 1991 dedicóuselle o Día das Letras Galegas e diversos simposios e congresos que coincidían co 10º aniversario do seu pasamento.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Mondoñedo -
Deceso
Lugar : Vigo