Cuntis, Santa María de
Cuntis, Santa María de
Igrexa parroquial localizada en Cuntis. Coñecida tamén como San Xurxo de Cuntis, foi construída no s XVIII sobre unha antiga igrexa románica. Nos pés dun dos piares do interior figura unha inscrición na que data a primitiva construción en 1078. Esa primeira igrexa e a casa do abade Adaulfo foron doadas pola Raíña Urraca ao bispo Diego Xelmírez e ao cabido da igrexa de Santiago en 1116. Da construción barroca destacan as elevadas torres con balaustradas. Conserva perpiaños da primitiva igrexa románica incrustados nos muros. No interior cómpre salientar a imaxe de san Sebastián e un crucificado do obradoiro de Xosé Ferreiro. No adro hai sepulturas antigas e unha lápida sepulcral da Alta Idade Media.