Cuña, La
Publicación subtitulada “Periódico defensor de los obreros del ramo de elaborar madera de España”, editada en diversas localidades de España entre 1898 e os anos da Primeira Guerra Mundial. Voceiro da Federación de Obreros de la Madera, de tendencia anarcosindicalista, imprentouse na Coruña entre o 1 de maio de 1908 e finais de 1909, tempo no que a Federación estivo domiciliada na cidade herculina. De periodicidade mensual e cunha tiraxe de 2.200 exemplares, estivo dirixida polo carpinteiro Manuel Alvedro e contou entre os seus colaboradores con militantes libertarios coruñeses, como o tamén carpinteiro José Dopico ou o tipógrafo Marcial Lores. Nas súas páxinas figuran numerosos traballos de divulgación e cultura, dos que cómpre salientar os artigos sobre arte asinados por Anxo do Castillo, daquela membro da Universidade Popular.