Columbia Británica
Provincia situada ao O de Canadá, entre as Montañas Rochosas e o Océano Pacífico (947.800 km2; 3.933.300 h [1986]). A súa capital é Victoria (71.228 h [1996]). Todo o seu territorio está ocupado por montañas e ten un clima oceánico, con temperaturas suaves. A poboación concéntrase na costa, en Victoria e Vancouver, as dúas cidades máis importantes. A lingua oficial é o inglés. Os principais recursos económicos son a explotación forestal e as súas industrias derivadas. Tamén son importantes a pesca, a minería e a metalurxia. No sector primario destaca a gandería, xa que a práctica agrícola resulta difícil debido ao terreo montañoso. A costa explorárona desde o s XVI os españois (Juan de Luca e Juan Pérez) e os ingleses (Cook e Vancouver). O británico Mackenzie iniciou en 1793 a exploración do interior, continuada pola Compañía do Noroeste, que se fusionou en 1821 coa Compañía da Baía de Hudson. En 1886, a illa de Vancouver uniuse á Columbia Británica e constituíu a provincia deste nome, que en 1871 pasou a formar parte da confederación de Canadá.