Curbera
Familia de industriais vigueses. Procedentes de Arenys de Mar (Barcelona), instaláronse en Vigo a finais do s XVIII. Zenón Curbera Pontóns estableceu a primeira industria viguesa de curtidos na parroquia de Lavadores, en 1799, da que tamén foron accionistas Agostiño e Xoán Antonio Curbera . En 1807 o Rei Carlos IV concedeulles o privilexio de empregar o escudo de armas real, que foi utilizado nas exportacións. A compañía pasou en 1812 a mans de Xosé Lluch. Estes precursores, en compaña de Xosé Ramón Curbera Pascual , fundaron tamén factorías de salga de peixe segundo o modelo catalán (1808), que supuxeron unha renovación da industria galega. En 1861 Víctor Curbera fundou Curbera Hermanos, a primeira conserveira de Galicia, que introduciu timidamente a mecanización do proceso produtivo e orientou a súa actividade á especialización na sardiña enlatada, conforme o estilo de Nantes. Agostiño Curbera foi socio fundador da Sociedad Cooperativa de Trabajadores El Ahorro, en Vigo (1871). Xosé Ramón Curbera Puig (1829-1918) exerceu durante a Primeira República (1873) o cargo de tenente de alcalde do concello de Vigo e foi presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo (1894-1906), e primeiro presidente do consello de administración do Banco de Vigo (1900) que, en principio, tiña como obxectivo posibilitar a explotación das minas de ferro do Incio; ademais, ao adquirir un Panhard en 1891, converteuse no primeiro galego propietario dun automóbil. Xosé Curbera Fernández (1870-1937), fillo do anterior, foi accionista da Sociedade do Tranvía en Vigo (compañía constituída en 1905, pero que non comezou a operar ata 1914), secretario do consello de administración do Banco de Vigo e promotor da primeira compañía local de seguros en Vigo, La Alborada, filial de La Aurora. En 1906 adquiriu o Hotel Continental de Vigo, que administrou ata 1909. En 1907 comproulle a Antonio López de Neira a fábrica de papel La Cristina. Ademais, foi presidente da Xunta de Obras do Porto (1932-1933) e fundador do Club de Campo de Vigo (1934). O seu irmán Xulio Curbera Fernández e Francisco Curbera Tapias foron vocais da primeira xunta directiva do Real Club Celta de Vigo, constituído en 1923. Guillermo Curbera Tapias foi un dos promotores de La Metalúrgica (1900).