Curbián, San Martiño de

Curbián, San Martiño de

Igrexa parroquial situada en Palas de Rei. Trátase dun templo románico de transición construído entre 1225 e 1230 do que só se conserva o arco triunfal e a nave. O arco é apuntado, dobrado e de sección rectangular, apoiado nun par de columnas con bases adornadas con zigzag, sogas e rombos. Os capiteis do arco presentan incisións que evocan elementos vexetais e volutas. No exterior destaca a porta principal, rematada nun arco de medio punto sobre columnas acobadadas con bases áticas, garras e decoración similares ás do arco triunfal; os capiteis presentan decoración incisa de tipo vexetal e unha figura humana simplificada. A portada norte coróase cun arco de medio punto que engloba un tímpano cunha cruz de brazos iguais ensanchados cara aos extremos e inscrita nun círculo. Nos cimacios e nunha das xambas aparece ornamentación xeométrica a base de arquiños, círculos e rectángulos axadrezados.