Cuvier, Georges Léopold Chrétien Frédéric Dagobert
Naturalista francés. O seu interese pola historia natural xurdiu a partir do debuxo e do traballo con láminas. En 1794 viaxou a París tras ser chamado polo naturalista Geoffroy Saint-Hilaire, quen lle proporcionou un posto na área de anatomía nos xardíns reais. Impulsor dos estudios de anatomía comparada e paleontoloxía, desenvolveu un modelo científico propio e de certa transcendencia, o cuvierismo, que dominou as ciencias naturais europeas durante a primeira metade do s XIX. Defendeu a teoría catastrofista que explicaba os cambios xeolóxicos e biolóxicos observados na natureza como consecuencia de sucesivas “catástrofes”, ás que seguían novos procesos de creación, nos que os fósiles eran restos desas creacións anteriores. Enfrontouse, con éxito, a científicos, como o propio Geoffroy Saint-Hilaire e Lamarck, feito que atrasou a recepción do evolucionismo en Francia e noutros países. Publicou Leçons d’anatomie comparée (Leccións de anatomía comparada, 1800-1805), Recherches sur les ossements fossiles (Investigacións dos restos fósiles, 1821-1824), Le Regne animal distribué d’après son organisation (O reino animal distribuído trala súa organización, 1816-1829) e Histoire naturelle des poissons (Historia natural dos peixes, 1829). Foi membro da Académie de Sciencies (1795), do Collège de France (1799), profesor do Musée de Histoire Naturale, barón e gran oficial da Lexión de Honor e membro da Académie Française (1818).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Montbéliard -
Deceso
Lugar : París