cuvierismo

cuvierismo

(< antropónimo G. Cuvier)

s m [BIOL]

Modelo científico creado polo naturalista francés Georges Cuvier. As súas propostas (o paradigma harmónico) predominaron durante décadas ata a metade do s XIX na comunidade científica europea. Defendía a existencia duns principios, interrelacionados, que rexen os seres vivos: os das condicións de existencia, correlacións orgánicas e subordinación de caracteres. Partía da consideración dun equilibrio perfecto entre os distintos seres e o seu contorno natural, a adaptación perfecta, que restrinxía as posibilidades de estudo das relacións dos organismos co medio e que implicaba unha sucesión de floras e faunas para reaxustar periodicamente a harmonía dominante. Sinalou a especificidade da historia natural como disciplina baseada na observación, comparación e consideración de conxunto, cunha metodoloxía dedutiva. Na taxonomía, entendía que existen uns caracteres máis importantes e dominantes ca outros, deducibles desde as condicións de existencia. Partía dunha concepción fixista das especies, entendidas como entidades naturais inmutables que teñen unha orixe independente a partir de centros de creación e varían xeograficamente con límites definidos. Empregaba unha definición exclusivamente morfolóxica da especie e o labor do taxónomo parecía próximo ao dun catalogador que tentaba situar cada taxon no seu lugar natural. A metodoloxía proposta supuña a recollida e estudo de poucos exemplares, descricións escasas, atención a mínimos elementos de diagnóstico, xeralmente morfolóxicos, e intento de asimilar as diferencias entre os individuos ao tipo. Defendía a existencia de poucos modelos ou tipos de organización entre os animais, concretamente catro, que, ante os cambios que os fósiles amosan, deben sucederse nunha serie de faunas e floras axustadas ao seu ambiente. Malia as súas limitacións, estas propostas supuxeron o desenvolvemento de materias, como a anatomía comparada, a paleontoloxía e un claro avance na catalogación da flora e da fauna. O cuvierismo acadou unha notable incidencia en Galicia, que chegou ata a segunda metade do s XIX; entre os seus partidarios destaca Gerónimo Macho Velado, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e Jaime Subirá y Nicolau que publicou en 1892 La Tierra y sus moradores. Conocimientos fundamentales de Historia Natural, con un compendio de higiene.