Cuzco

Cuzco
Nome científico: [quechua: Ccozco]

Capital do departamento de Cuzco, Perú, situada nun altiplano dos Andes orientais, a 3.410 m de altitude (278.590 h [estim 1998]). A cidade actual é centro comercial e de comunicacións, ademais de núcleo industrial da rexión. Destaca tamén como centro turístico. Segundo a lenda, os irmáns Manco Capac e Mama Ocllo, fillos do Rei Sol, que tiña a misión de fundar unha cidade, estableceron a cidade inca. Parece que a fundación tivo lugar no s XIII e o seu nome significa ‘embigo do mundo’. Capital do Imperio Inca, estaba defendida por un poderoso sistema de fortificacións e contaba cun gran número de construcións arquitectónicas de gran magnitude. Á chegada dos españois, a cidade estaba inmersa no conflito motivado polas desavinzas entre os dous fillos do inca Huaina Capac, o primoxénito Huascar e Atahualpa, quen conservou a coroa de emperador ata que foi asasinado por Francisco Pizarro en 1533. Ao ano seguinte fundouse a cidade colonial sobre a inca. Os enfrontamentos entre os españois e os incas provocaron unha serie de revoltas, entre as que destacan a de Manco Capac II (1536) e a de Tupac Amaru II (1780), nome que tomara José Gabriel Condorcauqui. O principal monumento inca é o templo de Coricancha, dedicado ao deus Sol, e sobre o que se edificou a igrexa de Santo Domingo (1731). A igrexa de Santa Catalina (1605) construíuse sobre os muros exteriores da casa das virxes do Sol. No palacio do arcebispo de Cuzco consérvase a pedra dos doce anxos, obra mestra dos canteiros indíxenas. Mantense tamén a fortaleza de Sacsahuaman, con tres ringleiras de fortificacións. Tralo terremoto de 1650, moitos dos edificios da época colonial tiveron que ser reconstruídos, entre eles a catedral (s XVI), construída sobre o palacio do inca Virocha, de tres naves, con bóvedas de oxivas e fachada barroca (1657), a igrexa da Compañía de Xesús (1651-1668), o convento de Santa Clara (1622) e o convento da Mercé (1675). Dos edificios civís, cómpre destacar as casas do Almirante (s XVII), a dos Cuatro Bustos e a do inca Garcilaso de la Vega. Entre as institucións culturais da cidade sobresaen o Museo Arqueológico ou Inca e o Museo Histórico Regional. A UNESCO proclamouna Patrimonio Cultural da Humanidade en 1983.