Dacosta Pérez, Fernando

Dacosta Pérez, Fernando

Actor e director teatral. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa actividade teatral no terreo do teatro escolar, e continuou co grupo Sarabela participando en case todas as súas montaxes, entre as que destacan Xacobe ou a submisión (1989); Madame de Sade (1991), polo que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Actor; As sillas (1992); Cama dous por dous para dous (1994); A Esmorga (1995); O lapis do carpinteiro (2000), traballo polo que obtivo o Premio María Casares ao Mellor Actor Protagonista no ano 2001; ou Sexismunda (2001), adaptación de La vida es sueño de Calderón de la Barca. No Centro Dramático Galego interpretou o papel protagonista de O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1991). Participou ademais como actor noutras montaxes desta compañía, como A lagarada (1992), de Otero Pedrayo; Historia dun soldado (1993), de Charles-Ferdinand Ramuz e Igor Stravinskij; Leoncio e Helena (1994), de Georg Büchner; ou Si o vello Simbad volvese ás illas... (1999), adaptación da novela de Álvaro Cunqueiro, papel polo que recibiu o Premio María Casares ao Mellor Actor Secundario no ano 2000. Como director destacou o seu papel na dirección dos grupos universitarios EIS da Universidade de Santiago de Compostela e da Aula de Teatro de Ourense. No campo profesional, dirixiu o espectáculo Retén (1997), de Ernesto Caballero, para a compañía Talía Teatro. Nos últimos anos destacou tamén a súa produción escrita en colaboración con outros membros da súa compañía. É, así, co-autor de tres textos teatrais representados por Sarabela: Afección (1998), Tics (1998) e Os soños de Caín (1999), nos que tamén participou como actor, e recibiu o Premio María Casares ao Mellor Actor Protagonista no ano 1999 polo seu traballo en Tics. Foi tamén actor de televisión (Pratos combinados, Os outros feirantes) e cine (A metade da vida, de Raúl Veiga).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense