Dacuña
Apelido de orixe toponímica que remite a Acuña. É moi discutida a procedencia do nome de lugar Cuña que, na Antigüidade, podía presentar as formas Cuiña ou Cuina. Na toponimia galega rexístranse formas como Cuña, Cuíña, A Cuña, entre outras; sen embargo, Acuña, co artigo soldado, non aparece como topónimo. Existen varias hipóteses sobre a procedencia deste termo; unha de elas defende unha orixe prerromana, concretamente a base preindoeuropea *kun/*kan ‘altura, outeiro’ da que derivan, entre outros, certos topónimos franceses, alemáns, ingleses e sardos. A deglutinación de Da Cuña en De Acuña remóntase xa, nalgúns casos, ao século XV, de igual forma que aconteceu con De Aponte por Da Ponte. Documéntase no século XV: “Fernando d’Acuña” (doc ano 1481 en Xesus Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, vol I, 1967, p 178).