dadaísmo

dadaísmo

(

s m [ARTE/LIT]

Movemento artístico de vangarda que se orixinou en Zúric ao redor do Cabaret Voltaire, inaugurado en febreiro de 1916 polo escritor Hugo Ball e a actriz Emmy Hennings. Os membros do grupo fundador, Tristan Tzara, Hans Arp, Marcel Janco, Richard Huelsenbeck e Hugo Ball, concibírono máis que como un estilo artístico, como unha rebelión contra a arte convencional e a sociedade burguesa. O pulo inicial xurdiu da reacción contra a Primeira Guerra Mundial que, segundo eles, significaba o fracaso da cultura occidental, baseada nas leis da razón e do progreso. O termo dadá designa en francés ‘cabaliño de madeira’ e, segundo a versión de Tzara, o nome, que se asocia aos balbucidos infantís, atopouse ao abrir un dicionario ao azar. A incoherencia do termo e a posible relación coa bondade orixinaria do home, determinaron a súa elección como símbolo dun movemento que se propuxo destruír o sistema burgués e o seu modelo artístico por medio da imposición do azar e do irracionalismo, nun intento de retorno á infancia, para atopar unha realidade máis auténtica. O seu obxectivo non era, sen embargo, instaurar novos valores, como pretendían outras vangardas, senón que se limitaba á burla sarcástica de todo o existente, no afán de liberar as forzas dunha creatividade desenvolvida á marxe das normas. Os primeiros textos apareceron na revista Cabaret Voltaire e, sobre todo, en Der Dada, fundada por Tzara en 1916 e na que publicou o seu Manifesto Dadaísta. A creación dun novo grupo en Nova York, onde chegaran Francis Picabia e Marcel Duchamp na fuxida da guerra, supuxo a internacionalización do movemento. Entre outros, formaron o grupo nortemamericano Man Ray, Marius de Zayas e o fotógrafo Alfred Stieglitz, director da revista Camera Work que pasou a denominarse 391. Esta revista publicouse tamén en Barcelona, París e Zúric. Hans Arp e Max Ernst introducírono en Alemaña, onde se aproximou ao expresionismo e desenvolveu unha actividade social e política máis comprometida. Os focos dadaístas foron Berlín, Colonia e Hannover. A chegada de Tzara a París en 1919 e as súas relacións con outros vangardistas como Louis Aragon, Paul Eluard, Philippe Soupault e, especialmente, André Breton, introducírono en Francia, onde apareceron as revistas Sic, de Pierre Albert-Birot, e Litterature, de Breton. Nos anos seguintes xurdiron tamén grupos dadá en Bélxica, nos Países Baixos e Italia, entre outros países, e en 1922 tivo lugar unha exposición dadaísta internacional en París. Non obstante , desde 1920, a división interna do grupo a partir do enfrontamento entre Breton e Tzara polas actitudes excesivamente provocadoras e escandalosas dos dadaístas, e a desconfianza entre este e Picabia, aceleraron o seu esgotamento e a progresiva disolución no movemento surrealista. A última tentativa dadaísta produciuse en 1924 coa fundación do “instantaneísmo” por Picabia, Duchamp e Paul Dermée, pero a aparición do Manifesto surrealista de Breton en outubro do mesmo ano supuxo a súa desaparición definitiva. Nas artes plásticas desapareceu o límite entre pintura e escultura e tendeuse cara á abstracción. Desenvolvéronse as técnicas cubistas da montaxe e da colaxe e as dos assemblage. As formas dadaístas máis características foron os ready-made de Duchamp, entre outras, Roue de bicyclette (Roda de bicicleta, 1913), e os relevos con madeiras de distintas cores de Hans Arp, nos que os elementos da obra se dispoñen ao azar. O dadaísmo influíu no surrealismo e no expresionismo abstracto, pola accidentalidade e a espontaneidade do azar que propuñan e na arte conceptual, coa realización dos ready-made. O dadaísmo tivo a súa continuación na segunda metade do s XX co “neodadaísmo”. Na literatura reflectiuse na destrución das funcións lóxica e semántica da linguaxe mediante a creación de contradicións, situacións absurdas ou asociacións sen sentido aparente. Entre a produción do dadaísmo cómpre salientar a obra dramática de Tzara, precursora do teatro do absurdo, e a súa antoloxía Vingt-cinq poèmes (Vintecinco poemas, 1918). No campo das artes escénicas houbo artistas que impulsaron un conxunto de experiencias baixo o denominador común da provocación, a exploración de temáticas consideradas tabú, como o sexo, e a mestura de novas formas de expresión ou de linguaxes expresivas marxinais. As súas propostas escénicas destacan pola brevidade, polo uso da improvisación e pola defensa da simultaneidade e da espontaneidade. Isto daría lugar a un novo xénero teatral, a acción teatral, que a partir dos anos cincuenta provocou a aparición do happening e da performance, sen esquecer as súas exposicións, que semellaban instalacións multidisciplinares e que se convertían en festas, como a Primeira Feira Internacional Dadá, inaugurada o 5 de xuño de 1920 na Galería Burchard de Berlín. Entre os promotores do movemento escénico dadá hai que subliñar a proposta inaugural de Alfred Jarry, co seu texto Ubu Roi (Ubú Rei, 1896); a experimentación do futurismo ruso no eido das artes plásticas; a corrente de axitación moral que provocou Frank Wedekind en Múnic na primeira década do século XX; as actividades de Oskar Kokoschka en Viena; os traballos presentados no Cabaret Voltaire de Zúric, dirixido por Hugo Ball e Emmy Hennings; ou as propostas de André Breton en París, no Café des Westens, ou de Richard Huelsenbeck en Berlín. Máis que dun conxunto de propostas que se situaban fronte ao teatro burgués, transformando as salas de cabaré en espacios para a libre creación e expresión, o movemento dadá, moi heteroxéneo de seu, propuxo unha dramaturxia de combate que máis que negar a arte e a comunicación teatral tentou subverter os seus principios na procura de novas canles, medios e códigos. Entre algunhas propostas escénicas destacadas do movemento cómpre sinalar Impressions d’Afrique (Impresións de África, 1911) de Raymond Roussel; o ballet Parade (1917), no que colaboraron Erik Satie, Pablo Picasso, Jean Cocteau e Léonide Massine; Les Mariés de la Tour Eiffel (Os casamentos da Torre Eiffel, 1921), de Jean Cocteau; Coeur à gaz (Corazón de gas, 1921), de Tristan Tzara; ou a sesión Xuízo e Sentencia do Señor Barrès, celebrada en París en maio de 1921, na que participaron destacadas figuras do movemento pero que acabaría por crear unha barreira insuperable entre os dadaístas e os surrealistas, estes últimos agrupados naquela altura arredor de André Breton e Francis Picabia. En Galicia, o movemento teatral dadaísta apenas tivo influencia no seu día, pero foi recuperado bastantes anos despois por movementos poéticos, como Rompente, e na obra de creadores, como Antón Reixa, aínda que o espectáculo galego máis achegado a aquela corrente artística foi A incrible vida de Héctor Loureiro, estreado en xullo de 1997 por Teatro do Morcego, con dirección de Celso Parada.

Palabras veciñas

dadá | Dada | Dadabhai Naoroji | dadaísmo | dadaísta | Dadd, Richard | Daddah, Moktar Ould