Dafnis

Dafnis
[MIT]

Semideus de orixe siciliana, fillo de Hermes, deus dos rabaños, e dunha ninfa. O deus Pan ensinoulle a arte musical e as ninfas educárono no pastoreo. Conta a lenda que mentres pacían os seus rabaños tocaba a siringa e cantaba cancións bucólicas, por iso se converteu en figura predilecta deste tipo de cantos. Mozo dunha beleza extraordinaria, era amado por deuses e mortais, pero xuráralle fidelidade eterna á ninfa Nomia. Nunha ocasión, a filla dun rei de Sicilia embriagouno e mantivo unha relación con el; daquela, Nomia, anoxada pola infidelidade, deixouno cego. A partir dese momento, dedicouse a cantar cancións tristes ata que se tirou dende un cotarelo e se converteu en rocha.