Dafonte Díez, Carlos Ernesto
Profesor e político. Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidad de Madrid, foi profesor de xeografía e historia. En abril de 1969 ingresou no Partido Comunista de España (PCE) e en 1972, de novo en Galicia, participou na creación das xuntas democráticas, órgano de oposición unitaria ao franquismo, en representación do Partido Comunista de Galicia (PCG), organización na que foi membro do Comité Central e do Comité Executivo. Procesado nos últimos anos do franquismo, a lei de amnistía evitoulle o xuízo. Dende 1978 ata 1983 foi voceiro do grupo municipal do PCG en Lugo e de Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU) entre 1991 e 1999. Entre 1983 e 1985, como responsable de Política Institucional do PCG, coordinou e impulsou o traballo dos representantes comunistas nos concellos e no Parlamento de Galicia. En 1999 foi elixido secretario xeral do PCG e en outubro de 2000 coordinador nacional de EU-IU; ademais, foi o candidato de EU-IU á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións autonómicas de outubro de 2001. É membro do Comité Federal e do Comité Executivo do PCE, así como do Consello Político Federal de Izquierda Unida e da súa Presidencia. Animador de actividades relacionadas coa arte, dirixiu en Lugo a galería Arco da Vella, que se converteu nun centro cultural moi ligado á arte de vangarda galega. Publicou numerosos artigos de carácter político en diarios e revistas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lugo