Daguestán

Daguestán

República da Federación Rusa situada ao NL do Cáucaso, na fronteira co Mar Caspio ao L, o territorio de Chechenia ao O, a República dos Calmucos ao N e Acerbaixán e Xeorxia ao S (50.300 km2; 2.074.000 h [1999]). Esténdese entre os 43° e 45° de latitude N e os 47° e 50° de lonxitude L. A capital é Makhačkala.
Xeografía
Xeografía física
O seu relevo está formado por profundos vales ao N, nos contrafortes da cordilleira do Cáucaso, mentres que ao L, de N a S, se estende unha ampla chaira que bordea o Mar Caspio. Estas características fan de Daguestán unha rexión de moi difícil acceso, con dificultades de comunicación entre as diferentes cidades e aldeas. A rede hidrográfica é ampla, con numerosos ríos, entre os que destacan o Karakoysu, o Samur, o Terek e o Viura, que, cunha dirección xeral O-L, desembocan no Mar Caspio. Tamén son importantes os lagos, como o Sevan, o Van e o Urmia. O clima é continental con invernos rigorosos que se prolongan entre os meses de outubro a abril.
Xeografía económica
A economía tradicional nas montañas do N baseouse na gandería ovina e caprina, mentres que na chaira costeira do Mar Caspio predominaron os cultivos de cereais. En xeral, durante o período soviético, a economía de Daguestán tivo unha forte relación coa da URSS. Os seus recursos enerxéticos máis abundantes son o gas natural e o petróleo, dos que se obteñen abundantes excedentes de produción que exporta principalmente a Rusia. Sobre o río Samur está instalada a central hidroeléctrica máis importante da República. As principais industrias pertencen ao sector téxtil, elaboración de maquinaria e materiais de construción.
Poboación e poboamento
A poboación superaba os 2.000.000 h en 1999. Entre os núcleos de poboación máis importantes destacan a capital Makhačkala, seguida de Kubachi, Gunib, Balkhar e Ispid.
Sociedade e goberno


Diversidade étnica e cultural
O goberno da Unión Soviética recoñeceu a existencia de 24 nacionalidades ou grupos étnico-lingüísticos divididos en tribos, clans e comunidades de aldea, nas que as relacións entre os clans están reguladas polo Consello de Anciáns. Os fortes vínculos de lealdade á tribo, ao clan e á comunidade favorecen a existencia dunha forte segregación étnica, especialmente nas áreas rurais, que se manifesta na prohibición dos matrimonios con membros doutros grupos étnicos ou no manatemento das relacións tribais no seo das granxas de agricultura estatal (sovkhozes). O grupo étnico principal é o dos avaros, que contaban con 524.000 h (estim 1993) e representaban o 25% da poboación. Outros grupos tamén importantes son os dargin, con 314.000 h (estim 1993); os kumyk, con 249.000 h (estim 1993); e os lézguicos, con 231.000 h (estim 1993).
Lingua
Distínguense unhas vinte e nove linguas diferentes, incomprensibles mutuamente. A lingua máis importante polo número de falantes é o avaro, con aproximadamente 524.000 falantes (estim 1993) e a que menos se fala é o hinukh, con 5.000 falantes (estim 1993). Nove das linguas que se falan en Daguestán teñen tradición literaria (avaro, dargin, kumyk, lézguico, tabasarano, nogai, azari, tat e lak). O ruso emprégase como lingua franca e, en menor medida, o avaro.
Relixión
Daguestán foi un país musulmán desde a Idade Media e malia as persecucións e destrucións masivas que sufriu durante o goberno soviético nos anos vinte e trinta do s XX, o Islam conservou un papel central na vida social. De feito, a maior parte dos homes adultos pertencen a algunha das irmandades secretas (wierd) que se identifican coa pertenza aos subcláns. As irmandades regulan a vida relixiosa dos seus membros e coidan dos rituais que acompañan importantes acontecementos na vida, como os nacementos, os matrimonios e as defuncións. Os líderes relixiosos mediaban nos conflitos entre os clans e os individuos e xogaban un papel fundamental nos procesos de pacificación na sociedade.
Política e goberno
En 1990, cando a URSS comezaba a desintegrarse, os representantes da maioría das nacións do Cáucaso fundaron a Confederación de Pobos das Montañas do Cáucaso, que consideraba que a división territorial de toda a rexión era artificial e obedecía aos intereses do imperialismo ruso, polo que sostiñan que a única opción política válida para a súa supervivencia era a confederación. Non obstante , trala desaparición do Consello Supremo da República en 1993, esas opcións non cristalizaron e adoptouse unha nova Constitución federal que se aprobou o 12 de decembro de 1993. O poder executivo reside no Consello de Estado, que, á súa vez, actúa como segunda cámara lexislativa, integrada polos representantes dos catorce principais grupos étnicos: as etnias montañesas, as etnias turcomanas, os rusos, os cosacos do Terek e os xudeus das montañas (os tates). A outra cámara do Parlamento é a Asemblea Nacional, integrada polos representantes de todos os distritos da República e na que predomina o principio territorial.
Historia
Os romanos e os persas ocuparon os territorios de Daguestán ata que, no s VII d C, os árabes se estableceron e converteron a poboación á relixión musulmana. Os turcos selxúcidas sucedéronos dende o s X e o país tentou desenvolverse libremente ata que caeu baixo o dominio dos mongois e da Horda de Ouro no s XIII. No s XV a rexión converteuse no centro dunha loita entre o Imperio Otomán e Persia, e desde entón os príncipes daguestanos mantiveron unha loita permanente cos imperios turco e persa. Despois das guerras napoleónicas, o Imperio Ruso tentou estender a súa influencia polo Cáucaso, apoiado no Tratado de Gulistan (1813) e despois da guerra ruso-turca (1828-1829) iniciou a conquista do territorio daguestano. Orixinouse unha longa e sanguenta guerra na que os daguestanos, dirixidos por Iman Shamil, fixeron fronte aos rusos ata 1856. Nese ano, o Congreso de París referendou a xurisdición rusa sobre o Cáucaso. O territorio non foi totalmente ocupado ata 1865, cando se iniciou a chegada de poboadores rusos e doutros pobos cristiáns, mentres boa parte da poboación de orixe musulmá iniciaba unha migración cara aos territorios dominados aínda polo Imperio Otomán. Produciuse unha nova sublevación de Daguestán no 1877 durante a guerra ruso-turca, pero foron de novo sometidos. Durante a Revolución Rusa (1917) os habitantes de Daguestán apoiaron os bolxeviques, a cambio da promesa de Lenin que incluía a autonomía para as minorías étnicas, fronte ao exército antibolxevique (branco) dirixido polo xeneral Anton Denikin. En xaneiro de 1921 proclamouse a República socialista soviética autónoma de Daguestán, que se estendeu sobre o Daguestán tsarista e incluíu, dende 1922, partes do territorio de Stavropol e da provincia de Astrakhan. En 1923 integráronse nesta República os territorios que pertencían anteriormente aos cosacos Grebenovskye, diferenciándose 36 grupos étnicos na súa composición (1926). Os gobernos comunistas distribuíron o poder e os recursos materiais seguindo un complicado sistema de cotas étnicas e durante a década dos trinta forzaron a unhas 39.000 familias das poboacións da montaña a asentarse nas chairas para integrarse no sistema de granxas de agricultura colectiva (kolkhozes). A política de reasentamento forzoso continuou, despois da Segunda Guerra Mundial, ata mediados da década dos setenta e afectoulles especialmente ás comunidades avaras, chechenas e laks. En 1990 xurdiu un movemento nacionalista que desembocou na creación dunha república soberana de Daguestán co apoio de 39 dos 54 soviets rexionais, en abril de 1991. A maior parte dos soviets que votaron en contra estaban dominados por grupos nacionalistas que, á súa vez, desexaban secesionarse de Daguestán. Trala ruptura da URSS (1991), Daguestán converteuse nunha das repúblicas que asinou o Tratado de Federación, o 31 de marzo de 1992, orixe do novo estado ruso. O Consello Supremo da República desapareceu en 1993 e aprobouse unha Constitución federal, o 12 de decembro de 1993, pola que a República pasou a ser dirixida por un Parlamento bicameral. En agosto de 1999 un grupo de fundamentalistas islámicos de Chechenia, dirixidos por Shamil Basayev, iniciou unha ofensiva contra un grupo de pobos e aldeas na fronteira entre Chechenia e Daguestán, nos distritos de Tsumadin e Botlij. As forzas de Basayev constituíron unha shura (‘consello islámico’), que declarou a independencia da autoproclamada República Islámica de Daguestán (10.8.1999), coa pretensión de unila a Chechenia e establecer un futuro estado islámico do Cáucaso. Rusia respondeu cun ataque conxunto de aviación e forzas terrestres que, posteriormente, se transformou nunha intervención militar sobre territorio checheno a finais de 1999.