Daily Express
Diario británico fundado en 1900 por Arthur Pearson que forma parte do grupo xornalístico Express, editor tamén de Sunday Express e Daily Star. Introdutor das técnicas periodísticas norteamericanas, ao agrupar na primeira páxina os títulos das noticias máis importantes do día, en 1912 sufriu a súa primeira gran transformación da man de lord Beaverbrook. Conseguiu ser durante a Segunda Guerra Mundial o diario líder e chegar aos tres millóns de exemplares diarios en 1964. Malia que en 1968 ocupaba o segundo lugar en número de vendas, despois do Daily Mirror, a finais dos anos noventa iniciou un declive no que apenas tiña unha tiraxe dun millón. Dirixido por Rosie Boicott, caracterízase por ser un xornal achegado politicamente ao centro esquerda. En novembro de 2000, o empresario Richard Desmond, propietario da compañía Northern & Shell e da publicación OK!, mercou este grupo xornalístico.