Dakota do Norte
Estado de EE UU, ao NO da Rexión Central (183.119 km2; 638.000 h [estim 1998]). A capital é Bismarck (53.514 h [1996]). O territorio divídese en tres grandes rexións: o val do río Red, cunha superficie plana apropiada para os pastos, e a Rexión Central e Oriental do río Missouri, formadas as dúas por suaves outeiros. O río máis importante é o Missouri e os seus afluentes (Little Missouri, Hearst e James). O outro gran río é o Red, que percorre o val que leva o seu nome ata desembocar no lago Winnipeg, en Canadá. O seu clima é continental extremo, cunha temperatura media anual que varía entre os 6°C no SO e os 2°C no NO. A precipitación é escasa, uns 380 mm de media anual. A poboación presenta unha taxa de crecemento anual do 0,3% e unha densidade baixa (3,4 h/km2 [1994]). O 42,7% da poboación vive en cidades ou áreas metropolitanas (1996). O 25,3% dos habitantes é menor de 18 anos e o 14,4% ten máis de 65. O índice de mortalidade infantil é de 0,53%. O grupo étnico maioritario está formado polos descendentes dos europeos colonizadores, que representan o 93,8% da poboación; outros grupos minoritarios son os amerindios, sobre todo os dakota, que reúnen o 4,7% da poboación e, detrás deles, os afroamericanos (0,6%) e as poboacións de orixe asiática (0,8%). As actividades económicas máis importantes son a industria, o comercio, as actividades agropecuarias e a minería. O crecemento económico entre 1995 e 1996 foi do 10,6%. A superficie dedicada a actividades agropecuarias é do 90%. A agricultura supera a gandería en superficie; os principais cultivos son a cebada, o trigo e o xirasol. Na gandería destaca a cría de gando vacún. A minería, outro gran piar da economía, céntrase na explotación de petróleo e carbón, as maiores reservas deste última tenas EE UU. A industria baséase na transformación de materias primas, cun predominio do sector alimentario e a maquinaria.