Dakota do Sur

Dakota do Sur

Estado de EE UU, situado ao NO da Rexión Central (199.730 km2; 738.000 h [estim 1998]). A capital é Pierre (13.422 h [1996]). O territorio divídese en catro grandes rexións: a Pradería (Drift Prairie), os outeiros de Missouri, as Grandes Chairas e os Outeiros Negros (Black Hills). A rede fluvial está formada polas concas dos ríos Mississippi-Missouri e os seus afluentes, principalmente o James e o Red. O seu clima é continental, cunha temperatura media anual que varía entre os 5°C ao NL e os 9°C ao SO. A precipitación media anual é do 380 mm. A poboación presenta unha taxa de crecemento anual do 0,3% e unha densidade baixa (3,6 h/km2 [1994]). O 33,3% da poboación vive en cidades ou áreas metropolitanas (1996). O 27,2% dos habitantes é menor de 18 anos e o 14,3% ten máis de 65. O índice de mortalidade infantil é do 0,57%. O grupo étnico maioritario está formado polos descendentes dos europeos colonizadores, que representan o 90,6% da poboación; outros grupos minoritarios son os amerindios, sobre todo os dakota, que reúnen o 8% da poboación e, detrás deles, os afroamericanos (0,7%) e as poboacións de orixe asiática (0,6%). O sector agropecuario é a base da súa economía, na que a gandería sobrepasa en valor á agricultura, grazas á cría de gando vacún, porcino e ovino. A minería tamén ocupa un lugar privilexiado na economía, con importantes xacementos de petróleo e ouro. A industria está pouco desenvolvida e destaca a fabricación de compoñentes electrónicos.

Palabras veciñas

dakota | Dakota | Dakota do Norte | Dakota do Sur | Dal | Dal Monte, Toti | Dal Pane, Domenico