D’Alema, Massimo

D’Alema, Massimo

Político. Membro do Partido Comunista Italiano (PCI) desde 1968, foi elixido secretario xeral das Xuventudes Comunistas en 1975. Deputado desde 1987 e director do diario comunista L’Unità (1988-1990), foi un dos artífices da transformación do PCI no Partido Democrático della Sinistra (PDS) en 1991, do que se converteu en secretario xeral en 1994. O obxectivo de D’Alema era formar unha coalición democrática de centroesquerda coa que acadar o poder. Con esta intención xurdiu L’Olivo, liderada por Romano Prodi, primeiro ministro desde 1996 ata a súa dimisión en 1998. O 9 de outubro de 1998, a coalición propuxo a D’Alema como candidato para a executiva. O 21 de outubro presentoulle ao presidente da República o seu goberno, composto por unha nova coalición de centroesquerda, Democratici di Sinistra (DS), e o día 23 gañou a moción de confianza na Cámara dos Deputados; converteuse así en primeiro ministro, ao tempo que cesaba na secretaría do seu partido. As disensións internas da coalición de goberno, fronte a outras cuestións, como a campaña da OTAN en Iugoslavia, as acusacións de compra de votos ou os malos resultados nas eleccións xerais de abril do 2000, forzaron a súa dimisión. É autor, entre outras obras, de Paese normale: la sinistra e il futuro dell’Italia (Un país normal. A esquerda e o futuro de Italia, 1995) e Sinistra nell’Italia che cambia (A esquerda nunha Italia que cambia, 1997).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Roma