Dallas

Dallas

Cidade de Texas, EE UU, drenada polo río Trinity (1.053.292 h [1997]). É a segunda cidade máis grande de Texas e a terceira de EE UU desde o punto de vista económico. A situación de Dallas corresponde a un antigo bosque coñecido como Cross Timbers. A medida que a poboación aumentaba, transformouse na Gran Dallas, formada por Dallas, os barrios de Arlington, Fort Worth e varias cidades pequenas unidas por autoestradas. Dallas e Fort Worth coñécense como o centro de Texas. Ocupa o lugar central da máis importante área produtora de trigo de inverno, algodón, petróleo e gas natural do S dos EE UU. O centro comercial está á beira do río Trinity, nos arredores están os slums, onde vive a poboación afroamericana e a de orixe mexicana. A metade da poboación activa traballa no sector terciario, que fixo de Dallas o primeiro centro comercial do S e o cuarto dos EE UU por volume de negocio. Posúe industria algodoeira, aeronáutica e petroquímica. Ten aeroporto internacional e centros de ensino superior: Southern Methodist University, fundada en 1911; University of Texas South-Western Medical School, en 1949; Bishop College, en 1881; University of Texas at Dallas e University of Texas Health Science Center at Dallas, en 1949. Fundouna John N. Bryan en 1841 e foi poboada por emigrantes franceses de La Reunion, falansterio fourierista veciño. Adoptou en 1846 o nome do vicepresidente George Mifflin Dallas. Conseguiu un gran progreso grazas á gandería de Texas, o ferrocarril e o algodón. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa metodista de Saint Paul, a antiga casa do concello coñecida como Ols City Hall construída a comezos do s XX, o Morton H. Meyerson Simphony Center e o Dallas Museum of Art.