Dalmacia
Rexión que se estende en dirección NO-SO pola costa do Mar Adriático, cunha superficie aproximada de 12.000 km2. Forma parte das repúblicas de Croacia e Bosnia-Herzegovina, situada entre os Alpes Dináricos e o Mar Adriático. Varias cordilleiras paralelas á costa álzanse a máis de 1.500 m de altitude. Na costa, diante da que hai numerosas illas, distínguense dúas partes: unha baixa ao NO e outra máis recortada, con acantilados, ao SO. O clima é subtropical, con veráns cálidos e secos, e invernos fríos e prolongados, pero sen grandes nevadas. Atravésana numerosos ríos, entre eles o Neretva, o Cetina e o Zrmanja. Tamén é unha zona con importantes lagos, entre os que sobresae o Ličko. A poboación é de orixe croata, bosnia e italiana, e existe unha pequena representación de poboación de orixe alemana. As maiores aglomeracións están na costa, onde radican as principais cidades: Split, Zadar e Dubrovnik. As actividades económicas máis importantes son a agricultura, a gandería e unha pequena industria. Os cultivos son tipicamente mediterráneos: oliveiras, árbores froiteiras, cereais e hortalizas no val do río Neretva. As industrias máis importantes son a construción naval, a siderurxia, a química e a construción. Outro recurso económico desenvolvido nos últimos anos é o turismo, na costa dálmata. Os primeiros poboadores, pertencentes ás tribos ilíricas (liburnos e dálmatas), entraron no s IV a C en contacto con Grecia, que estableceu colonias nas costas (Isso e Salona). Foi conquistada por Roma durante o goberno de Augusto, quen tivo que enfrontarse cunha sublevación entre o 6 a C e o 9 d C. Dalmacia incorporouse á provincia romana da Iliria e sufriu unha importante romanización. Baixo o goberno de Diocleciano modificouse a súa organización e establecéronse dúas provincias, Dalmatia e Praevalitana. Invadida polos ostrogodos durante o s V, os bizantinos reconquistaron as illas e boa parte das costas, mentres ocuparon o interior os ávaros (ss VI-VII) e os eslavos croatas (desde o s VII). Durante o s X dividiuse entre os reinos dos serbios, no N, e o dos croatas no S, mentres que Venecia se fixo con algunhas illas e portos. Despois de varios séculos de loitas dos venecianos contra os croatas, e despois contra os húngaros, Venecia dominou a maior parte de Dalmacia. Baixo o dominio croata a rexión integrouse na coroa húngara e máis tarde foi conquistada polos turcos. O dominio veneciano prolongouse desde 1420 ata 1797; despois, polo Tratado de Campo-Formio (1797), pasou a Austria. Logo da conquista napoleónica integrouse no Reino de Italia, pero en 1809 incorporouse ás Provincias Ilirias. Á caída do imperio napoleónico, no Congreso de Viena (1815), restaurouse o poder austríaco nestes territorios que se estendeu, malia as graves diverxencias políticas que tivo que afrontar, ata a Primeira Guerra Mundial. En decembro de 1918 converteuse en parte do novo Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, ao non respectarse o acordo secreto polo que os Aliados prometeran esta rexión aos italianos (1915) como recompensa pola súa participación na Primeira Guerra Mundial. Polo Tratado de Rapallo (1920), Italia quedou coa cidade de Zadar e as illas do Kvarner en Dalmacia; non foi ata despois da Segunda Guerra Mundial, cando polo tratado de febreiro de 1947, entre Italia e as Nacións Unidas, os italianos cederon estes territorios á República de Iugoslavia. Despois da desintegración da República de Iugoslavia (1991), durante a guerra entre serbios e croatas, rexistráronse durísimos bombardeos serbios contra os portos do SL de Dalmacia. Os serbios estableceron o seu dominio en boa parte da rexión, ata que en agosto de 1995 a ofensiva croata os expulsou.