dama

dama

(< fr dame < latdomĭna)

    1. s f

      Muller que pertence á nobreza.

      Ex: Celebrouse unha festa no palacio á que asistiron as damas máis ilustres.

    2. s f

      Muller que mostra boa educación e elegancia.

      Ex: Ante unha situación tan comprometida, comportouse coma unha verdadeira dama.

    3. s f

      Tratamento de respecto que se lles dá ás mulleres.

      Ex: As damas deben pasar antes cós cabaleiros. Damas e cabaleiros, a función vai comezar.

      Sinónimos: dona, señora.
    4. s f [ESPECT]

      Tipoloxía teatral que se utilizaba para diferenciar o papel das actrices nas compañías, en función do personaxe que tiñan que representar. Así, no teatro español do s XIX, a primeira dama desempeñaba os papeis importantes, mentres a segunda, a terceira e a cuarta tiñan asignados outros roles en función do tipo de espectáculo. Tamén se diferenciaba entre a dama inxenua, a dama nova, a dama de carácter, a dama de cantado e a dama de música.

    5. primeira dama

      Esposa dun presidente de república.

  1. s f

    Muller galanteada ou amada por un home.

    Ex: Aquela moza sempre fora a dama dos seus soños.

  2. s f

    Peza do xadrez, a máis importante despois do rei.

    Ex: No último movemento comeulle a dama co rei.

    1. s f

      Peza que, no xogo de damas, se cobre con outra da mesma cor cando consegue chegar á primeira liña do contrario e que se pode mover en todas as direccións.

      Ex: Levaban cinco minutos de xogo e xa tiña unha dama.

    2. s f pl

      Xogo de habilidade practicado entre dúas persoas. O xogo realízase sobre un taboleiro de 64 cadros e 24 pezas, no xogo español, e nun de 100 cadros e 40 pezas no polaco. As pezas, unhas brancas e outras negras, póñense nos cadros negros. Os xogadores moven alternativamente as pezas en diagonal de cadro en cadro, sen poder retroceder. O xogo consiste en matar as pezas do contrario, cousa posible cando se ten unha peza diante doutra do contrario cun cadro baleiro detrás. Se unha peza consegue chegar a un cadro da última liña horizontal convértese en dama. A dama pode retroceder e moverse en diagonal saltando varios cadros e matando todas as pezas que atope nas súas diagonais.

  3. dama branca [MIT]

    Ser fantástico da mitoloxía que se relaciona cos humanos, á que se lle atribúen calidades positivas, como a fermosura e a bondade. Vive nas augas, en covas, castros, penedos ou lugares fantásticos.

  4. dama de honra/honor
    1. [HIST]

      Muller que servía e acompañaba a raíña e as princesas.

    2. Muller que acompaña a elixida nun concurso de beleza, a raíña dunha festa ou a noiva na cerimonia do seu casamento.