Dance
Familia de artistas ingleses. George Dance o Vello (Londres 1695? - 1768) traballou na City de Londres. Entre as súas construcións destacan a Mansion House (1739-1742), residencia do lord maior. O seu fillo George Dance o Novo (Londres 1741 - 1825) formouse en Italia, onde estudiou a antigüidade clásica. Ao regresar a Inglaterra, sucedeu o seu pai como arquitecto e urbanista da City. Foi un dos representantes do neoclasicismo inglés inspirado no mundo grego e palladiano. Entre as súas obras destacan o cárcere de Newgate (1770-1780), derrubado no 1902, a All Hallows Church (1765-1767) e a biblioteca da Lansdwne House (1792). Foi un dos fundadores da Royal Academy (1768), xunto co seu irmán, o pintor Nathaniel Dance (Londres 1735 - Winchester 1811). Formado con Francis Hayman, viaxou a Roma (1755-1764), onde recibiu a influencia de Pompeo Girolamo Batoni na arte do retrato. Foi parlamentario e recibiu a baronía de Dance-Holland. Entre as súas obras destaca o retrato O capitán Cook (1766). Foi membro da Accademia di San Lucca (1764).