Daniel, Libro de
Libro profético do Antigo Testamento, incluído na colección dos escritos (Ketubim). É obra dun autor anónimo, posiblemente do s II a C (cara ao 170-160 a C). Consta dunha parte narrativa e outra de visións, que pertencen aos xéneros profético e apocalíptico. Parte dos capítulos 3, 13 e 14, conservados en grego, son deuterocanónicos. O libro organízase en tres ciclos. No ciclo narrativo destacan tres historias: a da casta Susana e os vellos que a espiaron bañándose espida e despois a acusaron de adulterio; a dos mozos hebreos botados nun forno ao non adoraren o ídolo de ouro de Nabucodonosor, pero que Daniel salva como símbolo da graza de Deus; e a de Daniel no foxo dos leóns por violar un decreto do Rei Darío, onde consegue amansar as feras. Ao ciclo onírico pertencen: a interpretación dos soños de Nabucodonosor (o coloso de pés de barro, a pedra caída a rolos da montaña e a árbore abatida, símbolos da temporalidade dos imperios da terra); e dos de Baltasar, que profanara nunha orxía os vasos sagrados do templo de Xerusalén (unha man escribe na parede tres palabras misteriosas, símbolos, tamén, da fin próxima do reino babilónico). Do ciclo apocalíptico son os catro animais fantásticos saíndo do mar: un león, un oso, un grifón e unha hidra (símbolos dos catro imperios) e o duelo entre o carneiro e o castrón (símbolo da conquista do imperio medo-persa a mans de Alexandre o Grande).