D’Annunzio, Gabriele
Escritor e político italiano. Estudiou en Florencia e posteriormente na Universidade de Roma. Viviu en Roma dende 1881 e posteriormente trasladouse a Settignano. Foi elixido deputado en 1897 e logo dun período en Francia (1909-1915) regresou a Italia e tomou parte activa na Primeira Guerra Mundial. Gozou dun gran prestixio na época de Mussolini, xa que nos seus escritos defendía a política fascista. Representante do decadentismo, cultivou a poesía, o teatro e a novela. A súa obra divídese en tres períodos: ao primeiro (1882-1893) pertencen Canto novo (Canto novo, 1882), Intermezzo di rime (1884), Elegie romane (Elexía romana, 1893) e Poema paradisiaco (Poema paradisíaco, 1893), ademais de contos e novelas como Il piacere (O pracer, 1889); no segundo (1894-1910), influenciado por Nietzsche, escribiu novelas como Il trionfo della morte (O triunfo da morte, 1894) e Il fuoco (O lume, 1900); e no terceiro período (1921-1935), denominado nocturno, a súa produción adquiriu tons máis íntimos e humanos, como en Notturno (Nocturno, 1921) e o coñecido como Libro segreto (Libro secreto, 1935). Como dramaturgo iniciou a súa faceta dramática tralo encontro con Eleanora Duse e a lectura dos clásicos gregos, da obra de autores contemporáneos como Henrik Ibsen, August Strindberg ou Frank Wedeking e do ensaio de Nietzsche, O nacemento da traxedia (1870). A súa obra presenta unha deriva simbolista, na que cobran especial relevo elementos como os soños, a maxia, a cor ou a tolemia, co que por veces adquire unha tonalidade expresionista. Cómpre destacar as súas obras Sogno di un mattino di primavera (Soño dunha mañá de primavera, 1898), La città morta (A cidade morta, 1898), La Gioconda (1899), Francesca da Rimini (1902), La figlia di Iorio (A filla de Iorio, 1904), La nave (A nave, 1908), Fedra (1909) ou Le Martyr de Saint Sebastien (O martirio de San Sebastián), presentado en París en 1911 con música de Debussy. Toda a súa obra exerceu unha forte influencia nos seus contemporáneos, contribuíu a abrir novos camiños na literatura italiana e incorporou correntes e tendencias que deixaron a súa pegada na literatura europea. Foi nomeado presidente da Accademia d’Italia en 1937.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pescara -
Deceso
Lugar : Gardone Riviera, Lombardia