Dans López, Susana
Actriz. Participou coa Compañía Luís Seoane en Forzas eléctricas (1986) ou Aquela historia de Bly (1987). Posteriormente, formou parte do elenco da montaxe da Escola Dramática Galega en Como as camisas de liño, sobre textos de Ramón Otero Pedrayo. Tamén traballou coa compañía Uvegá Teatro na obra Trínguili Trángala, de Vicente Montoto. En 1992 actuou en Tatuaxe, de Manuel Lourenzo, e en 1993 en Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño. Participou, así mesmo, nas montaxes de Teatro do Atlántico Vellos tempos (1998), sobre un texto de Harold Pinter e O cerco de Leningrado (1999), a partir do texto de José Sanchís Sinisterra, interpretación esta última pola que recibiu o Premio María Casares á mellor actriz protagonista no ano 2000. Tamén para esta compañía foi axudante de dirección no espectáculo Solo para Paquita (2000), de José Sanchís Sinisterra. A súa colaboración co Centro Dramático Galego foi frecuente e, así, actuou en espectáculos como A pousadeira (1987), de Carlo Goldoni, O arce no xardín (1989), A lagarada (1992) ou Leoncio e Helena (1993). A partir da montaxe Nao de amores (1995) pasou a formar parte do elenco estable da compañía institucional, e traballou en diversos espectáculos entre os que destacan Como en Irlanda (1996), Lisístrata (1997) e Memoria de Antígona (1998). Volveu traballar co CDG con A burla do galo (2000) e Rosalía (2001). No campo audiovisual foi presentadora e colaboradora ocasional en programas para a TVG e actriz episódica en series da mesma cadea televisiva. Cómpre salientar dúas interpretacións protagonistas en capítulos da serie Os outros feirantes. En cine participou en filmes coma Divinas palabras, de José Luis García Sánchez, ou Martes de carnaval, de Pedro Carbajal e Fernando Bauluz.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña