Danton, Georges Jacques

Danton, Georges Jacques

Político e avogado francés. Foi procurador do Consello do Rei (1785-1791), pero dende 1789 participou nos movementos revolucionarios e alistouse dende o primeiro momento na Garda Nacional. Foi nomeado presidente do distrito de Cordeliers e fundou, xunto con Marat e Desmoulins, entre outros, a Sociedade dos Dereitos do Home e do Cidadán (1790), que se transformou posteriormente no Club dos Cordeliers. Formou parte da Comuna de París e do Directorio do departamento de París, desde o que encabezou a revolta republicana que se produciu despois da fuxida do monarca Luís XVI e culminou na matanza do Campo de Marte. Despois deste suceso exiliouse por pouco tempo no Reino Unido, pero ao seu regreso a París participou na revolución do 10 de agosto de 1792. A Asemblea decretou a suspensión do rei e nomeouse un Comité Executivo, en substitución do goberno, no que Danton foi nomeado ministro de Xustiza. Elixido deputado por París para a Convención Nacional, en setembro de 1792, foi un dos xefes do partido da Montaña e defendeu a exportación da revolución republicana a outras nacións como xeito de garantir a consolidación do sistema en Francia. Despois do golpe contra os xirondinos en xuño de 1793, iniciouse unha nova etapa, coñecida como o Terror, na que Danton participou no Comité de Defensa Xeral e foi un dos responsables da creación do Comité de Salvación Pública, coa finalidade de vixiar e defender a revolución fronte ás forzas contrarrevolucionarias e ás conspiracións reaccionarias. Abandonou o seu posto como membro do Comité de Salvación Pública (10.7.1793) e deixou París por un curto período de tempo. Ao seu regreso continuou apoiando a Robespierre pero encabezou o grupo dos denominados “indulxentes” e enfrontouse coa facción extremista dos hebertistas, partidarios da extensión do réxime do Terror. Ao mesmo tempo, mantivo contactos coas potencias estranxeiras para reducir a presión internacional e favorecer, deste xeito, unha saída ao Terror. Mentres a República estaba inmersa nunha situación de guerra revolucionaria e Robespierre se apoiaba nas necesidades do Estado, Danton foi acusado e detido por unha suposta participación na denominada “conspiración do estranxeiro”. Despois dun xuízo ante o Tribunal revolucionario, foi guillotinado.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Arcis

  • Deceso

    Lugar : Aube, Champagne

  • Deceso

    Lugar : París