Dapena Rodríguez, José María
Pintor, escultor, ceramista, deseñador gráfico e vidreiro. Coñecido como Chema Dapena, iniciouse na arte da man de Saturno Lois, López Guntín e Esteve Adam. Realizou estudios de pintura, escultura, deseño industrial, cerámica, vidro e microfusión de metais, entre outras, na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón (Lugo) e na Escuela de Bellas Artes de San Fernando (Madrid). Dende 1980 vive en Ourense. No eido do deseño gráfico, foi director artístico e creativo de Porcelanas Galos (1983-1991). Dende entón compaxinou a actividade artística coa docencia. Deu cursos de deseño, vidro e cerámica para a firma Olarte en Montemor O Vello (Coimbra), no Centro de Artesanía e Deseño de Galicia, na Escola de Vidro de Galicia, na Fundación Centro Nacional del Vidrio e na Real Fábrica de Cristales de La Granja. Na súa obra conviven os distintos materiais, como o vidro, a madeira, o chumbo, o ferro e o aceiro, nunha proposta na que a figuración deixou paso a unha abstracción na que propuxo mundos infinitos e á cosmogonía. Destacan a escultura mural de Santa María de Cervellón na igrexa dos Padres Mercedarios en Madrid (1996), o busto de José Martí da Biblioteca das Américas no Pazo de Fonseca (1997), o conxunto escultórico A orixe da vida do complexo hospitalario Santa María Nai de Ourense (1997), os murais para o Centro de Artesanía e Deseño de Galicia (1997), a Cámara de Comercio de Ourense (1999) e a delegación da COTOP en Ourense (1999), e a escultura Deusa Mensaxeira para os Premios Galicia Comunicación 1999. Nas súas últimas obras, traballa co vidro e o ferro fundido e, en colaboración coa empresa VIDROTORRE de Valença do Minho, realiza proxectos arquitectónicos nos que aplica as novas técnicas destes materiais. Realizou a súa primeira exposición no Círculo das Artes de Lugo (1975) e posteriormente en diversas cidades da Península Ibérica, Alemaña e Francia. Participou, entre outras mostras colectivas, en CERAMEX, Feira Internacional de Lisboa (1986-1994), na Internationale Frankfurter Messe (1986-1989), na Bijorhca, Exposición Internacional de París (1986-1989), nas Feiras de Debuxo e Gravado da Xunta de Galicia e no proxecto Galicia Terra Única (1997). Froito das súas investigacións no eido do deseño, recibiu o Premio Internacional de Deseño e Creación Artística na Internationale Frankfurter Messe (1995) pola colección cerámica Kandinsky e en 1999 foi premiado no III Certame de Escultura do Salnés.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lugo