Daroca
Municipio da provincia de Zaragoza, Aragón, drenado polo río Jiloca (2.335 [1996]). Importante núcleo comercial, agrícola e gandeiro, no que o sector alimentario concentra as actividades industriais. Reconquistada por Afonso I de Aragón en 1121, foi sede de numerosas reunións de cortes (1196, 1222, 1243, 1311 e 1338). Como premio á fidelidade a Pedro III na Guerra da Unión, este soberano concedeulle o título de cidade en 1366. Do seu patrimonio cultural destacan as murallas medievais con dúas portas, a Baja ou Fondonera e a Alta, nos extremos da rúa principal; as igrexas de San Juan e San Miguel, de orixe románica; e a colexiata de Santa María, na que destaca o retablo de alabastro da capela dos Corporales. O conxunto histórico-artístico da cidade foi declarado Ben de Interese Cultural en 1968.