Darwin, Charles Robert

Darwin, Charles Robert

Naturalista inglés fillo de Robert Waring Darwin, médico de prestixio, e neto de Erasmus Darwin, médico e biólogo. É autor da teoría da descendencia modificada por medio da selección natural. En 1825 iniciou os seus estudios de medicina en Edimburgo, pero abandonounos dous anos despois para comezar a carreira de teoloxía en Cambridge. Nesta cidade coñeceu o xeólogo Adam Sedgwick e o botánico John Stevens Henslow, que favoreceron o seu interese pola natureza e asentaron a súa formación científica baseada na importancia das observacións detalladas e na correlación dos feitos para establecer conclusións. En 1831, logo de acadar o título de bachelor of Arts, realizou unha viaxe científica por Gales en compañía de Sedgwick. A lectura da obra do científico e explorador Alexander von Humboldt, espertou o seu interese polas viaxes e, precisamente grazas á influencia de Henslow, o 27 de decembro de 1831 comezou unha viaxe ao redor do mundo a bordo do barco inglés de investigación H. M. S. Beagle, en calidade de naturalista non oficial. No transcurso desta viaxe explorou o arquipélago de Cabo Verde -onde comprobou a corrección das teorías uniformistas de sir Charles Lyell-, as costas de América do Sur -onde as súas investigacións paleontolóxicas o conduciron a recoñecer a relación entre as especies fósiles e actuais de mamíferos-, Tierra del Fuego, as Illas Malvinas, a illa de Chiloé, a cordilleira dos Andes, as Galápagos -onde observou os procesos que conducen á distribución xeográfica dos organismos e onde recolleu numerosos exemplares de pinzóns que, de volta en Londres, lle permitiron recoñecer certas modalidades de especiación a partir de formas comúns-, Tahiti -onde reflexionou sobre a formación dos arrecifes de coral-, Nova Zelanda, Australia, Tasmania, Mauricio, O Cabo e Brasil -onde se posicionou contra o escravismo-. Tralo seu regreso, o 2 de outubro de 1836, iniciou unha etapa reflexiva que o levou a redactar unha serie de cadernos de notas a partir de 1837, iniciar un programa de lecturas moi amplo, como Essay on Population (1798) de Thomas Robert Malthus, e publicar as memorias da viaxe do Beagle e o Journal of Researches into the Natural History and Geology of the Countries Visited during the Voyage round the World of H. M. S. Beagle (Diario das investigacións sobre historia natural e xeoloxía dos países durante a viaxe arredor do mundo do H. M. S. Beagle, 1839), que conteñen a maioría das observacións que sustentarían a súa teoría. Nese ano ingresou na Royal Society de Londres e casou con Emma Wedgwood, coa que tivo o seu primeiro fillo en decembro dese mesmo ano; feito que o levaría a iniciar unha investigación sobre o comportamento infantil. En 1842, fixou a súa residencia na Down House (Downe), onde viviu dedicado ao estudo o resto da súa vida, dentro das limitacións impostas pola súa feble saúde. Nese mesmo ano, ademais, escribiu un primeiro esquema da súa teoría da transformación das especies e publicou The Struture and Distribution of Coral Reefs (Estrutura e distribución dos arrecifes coralinos). En 1844 publicou unha memoria a partir das observacións xeolóxicas da viaxe, na que a influencia uniformista era notoria, e acabou un ensaio sobre a ascendencia común das especies e a súa formación progresiva por modificacións seleccionadas, que publicaría postumamente o seu fillo Francis en 1909 co título The Foundations of the Origin of Species (Fundamentos da orixe das especies). A súa obra sobre a xeoloxía de América do Sur apareceu en 1846, data na que iniciou a redacción dunha monografía sobre os cirrípidos, publicada entre 1851 e 1854. Nos anos seguintes, de xeito paralelo a Alfred Russel Wallace, concentrouse na distribución xeográfica dos organismos. Consciente do paralelismo entre ambas as investigacións, Lyell logrou convencer a Darwin para que publicase a súa teoría. A resistencia deste obedecía ao desprestixio que o evolucionismo tiña neses tempos (ligado a posturas radicais ou fantasiosas) e á oposición que podía provocar en medios relixiosos (dos que Darwin se afastara ata o punto de declararse agnóstico) e, como consecuencia, tamén por temor a ferir os sentimentos da súa dona. No transcurso do ano 1858, despois de recibir un manuscrito de Wallace (On the Tendency of Varieties to Depart Indefinitely from the Original Tipe), no que puido comprobar que chegaba ás súas mesmas conclusións evolucionistas e ademais coincidía con el en identificar a selección natural como mecanismo explicativo, Darwin aceptou facer públicas as súas investigacións. Lyell solucionou o tema da prioridade mediante a publicación o 1 de xullo de 1858 na Linnenan Society de “On the Tendency of Species to form Varieties, and on the Perpetuation of Varieties by Naturals Means of Selection”, relatorio asinado conxuntamente por Wallace e Darwin. Logo dun ano de traballo, o 1 de outubro de 1859 rematou o manuscrito da súa obra fundamental, On the Origin of Species by Means of Natural Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life (A orixe das especies por medio da selección natural ou preservación das razas favorecidas na súa loita pola existencia), que saíu do prelo o 24 de novembro de 1859 e esgotou a súa primeira edición (1.250 exemplares) o mesmo día. O significado desta obra revolucionaria, en tanto que establece os fundamentos da bioloxía moderna ao formular unha explicación natural dos equilibrios e das dinámicas que rexen o devir do mundo vivo, ultrapasou os límites da ciencia e provocou un debate filosófico e teolóxico sen precedentes. A partir dese momento, iniciou un amplo programa de investigación que lle permitiu demostrar a súa teoría científica. Así, escribiu un libro sobre a fecundación das orquídeas, traballou sobre o dimorfismo floral, o mimetismo, a xeración espontánea, a selección natural, o estudo das rubideiras e, finalmente, publicou The Variation of Animals and Plants under Domestication (A variación dos animais e das plantas na domesticidade, 1868), obra na que argumentaba con novos exemplos as teses expostas en Origin. En 1871 publicou The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex (A orixe do home e a selección sexual), terceira obra fundamental que inaugura un novo continente científico, a antropoloxía darwinista, que se afasta radicalmente, tanto polas súas consecuencias científicas como morais, da antropoloxía anterior. En 1872 apareceu a sexta e definitiva edición de Origin, e escribiu tamén The Expresion of the Emotions in Man and Animals (A expresión das emocións no home e nos animais), obra relevante na fundamentación teórica da psicoloxía comparada e da etoloxía moderna. Ademais, a partir dese momento, comezou a revisar algunhas das súas obras anteriores sobre os arrecifes de coral (1874), a orixe do home (1874), a variación dos animais e das plantas (1875) e as orquídeas (1875 e 1877). Nos últimos anos da súa vida publicou: Insectivorous Plants (Plantas insectívoras, 1875); On the movement and Habits of Climbing Plants (Movementos e hábitos das rubideiras, 1875); The Effects of Cross and Self Fertilization in the Vegetable Kingdom (Os efectos da fertilización cruzada e da autofecundación no reino vexetal, 1876); Autobiography (Autobiografía), publicada polo seu fillo Francis, expurgada por desexo de Emma Darwin na obra Life and Letters of Charles Darwin (Vida e correspondencia de Charles Darwin, 1887) e editada por Nora Barlow en 1958 en versión integral; The Different Forms of Flowers on Plants of the same Species (Diferentes formas de flores en plantas da mesma especie, 1877); “A biographical sketch of an infant” (1877), traballo publicado na revista Mind e no que reflexionaba sobre as observacións realizadas logo do nacemento do seu fillo; The Power of Movement in Plants (A facultade motriz das plantas, 1880), escrito en colaboración co seu fillo Francis; e The Formation of Vegetable Mould, through the Action of Worms, with Observations on their Habits (O papel dos vermes de terra na formación da terra vexetal, coas observacións dos seus hábitos, 1881). De toda a correspondencia de Darwin, iniciada en 1821, cómpre salientar (ademais dos múltiples contactos mantidos con Fritz Müller e outros científicos coetáneos) a carta que intercambiou co naturalista galego Víctor López Seoane en 1881. Neses anos tamén escribiu o prólogo para unha biografía sobre o seu avó, texto que constitúe un amplo ensaio sobre o seu pensamento transformista; os prefacios das obras Studies in the Theory of Descent (Estudios sobre a teoría da evolución, 1882), de August Weismann, e The Fertilization of Flowers (A fertilización das flores, 1883), de Hermann Müller; e “Essay on instinct”, que apareceu de xeito póstumo na obra Mental Evolution in Animals (A evolución psíquica dos animais, 1883), de George Romanes.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Shrewsbury, Shropshire

  • Deceso

    Lugar : Downe, Kent