darwinismo

darwinismo

(< antropónimo Ch. R. Darwin)

Teoría científica desenvolvida por Charles Robert Darwin, fundamentalmente en catro das súas obras: On the Origin of Species by Means of Nature Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life (A orixe das especies por medio da selección natural ou preservación das razas favorecidas na súa loita pola existencia, 1859), The Variation of Animals and Plants under Domestication (A variación dos animais e das plantas baixo a domesticación, 1868), The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex (A orixe do home e a selección sexual, 1871) e The Expresion of the Emotions in Man and Animals (A expresión das emocións no home e nos animais, 1872). Despois de 1859 e durante a primeira revolución darwiniana, un amplo número de científicos (Charles Lyell, Alfred Russell Wallace, Thomas Henry Huxley, Asa Gray, Ernst Heinrich Haeckel, entre outros) entenderon o darwinismo como a teoría capaz de explicar a existencia do mundo vivo mediante causas naturais. Trala segunda revolución darwiniana, que se iniciou co establecemento da “teoría sintética da evolución” (desenvolvida nos anos vinte do s XX polos xenetistas, sistemáticos e paleontólogos darwinistas), pasou a ser considerado, de xeito unánime, como a teoría que explica a modificación da descendencia por medio da selección natural, que actua de xeito variacional e non transformacional. Existe, sen embargo, unha tendencia a deturpar e mesmo falsificar a súa significación e alcance epistemolóxico; neste sentido, cómpre salientar que é unha teoría evolucionista, pero non todas as teorías evolucionistas -mesmo as que manifestan a súa vinculación coa obra de Darwin, como o darwinismo social, o euxenismo ou a sociobioloxía- son darwinistas. Esta confusión, que alterou durante máis dun século o pensamento de Darwin, débese a tres causas: á hexemonía da filosofía evolucionista de Herbert Spencer durante o período de consolidación da teoría darwiniana, ao desenvolvemento coextensivo do euxenismo de Francis Galton a partir dunha referencia á teoría selectiva e á opinión que os “darwinistas” tiñan de Descent, que entendían como unha extensión homoxénea de Origin.
O darwinismo na obra de Darwin
A exposición sistemática e coherente do pensamento biolóxico de Darwin atópase en Origin e en Variation, obra na que argumenta con novos exemplos as teses expostas en Origin. Por outra banda, o seu pensamento antropolóxico reflíctese en Descent e as súas reflexións psicolóxicas en Emotions. Así, toda a súa obra debe considerarse como un conxunto coherente, tanto nun sentido científico como epistemolóxico, filosófico e moral.
A variación, a loita pola existencia e a selección natural
En Origin, Darwin desenvolveu a teoría da selección natural a partir de dúas observacións (a variación e a capacidade reprodutora dos organismos) e de dúas certezas (a capacidade indefinida de variación dos organismos e a capacidade de superpoboación) nun proceso que Patrick Tort resumiu en dez etapas: 1) Observación de que todos os seres vivos, sexan domésticos ou vivan en estado natural, presentan variacións individuais; 2) Indución da existencia dunha capacidade natural indefinida de variación; 3) Observación de que a reprodución orientada dos organismos pode fixar as variacións; 4) Indución da hipótese de que os organismos en estado natural tamén son seleccionados; 5) Avaliación da taxa de reprodución das diversas especies e da súa capacidade de poboamento; 6) Dedución da existencia dunha capacidade natural para a saturación de todo un territorio polos representantes dunha especie calquera que se reproduza sen obstáculos; 7) Observación da existencia de equilibrios naturais constituídos pola presenza nun mesmo territorio de representantes de diferentes especies; 8) Dedución da necesidade dun mecanismo regulador (eliminatorio) que opera no seo da natureza para reducir a extensión numérica de cada poboación; 9) Constatación de que a struggle for life (‘a loita pola existencia’) é o mecanismo que efectúa unha selección natural que procura a supervivencia dos máis aptos; 10) Elaboración da hipótese dunha selección natural que, a través da loita (interindividual, interespecífica e co medio), efectúa a selección das variacións vantaxosas nun contexto dado, asegurando o triunfo vital (transmitido hereditariamente) dos individuos que as portan. Así pois, na xénese da teoría da selección natural tiveron un papel fundamental a teoría da variación e o concepto de loita pola existencia. Neste sentido, cómpre sinalar que Darwin demostrou a súa teoría da variación, empregando unha gran cantidade de datos procedentes da observación de numerosos seres vivos sometidos á influencia da domesticación; a partir deses datos, perfectamente observables na súa época por todos os gandeiros e horticultores (e por calquera científico), induciu a variación en estado natural, que se limitou a ilustrar ao longo do segundo capítulo de Origin. A idea da loita pola existencia, entendida como o combate que cada ser vivo debe realizar para sobrevivir no medio no que se desenvolve, tomouna de An Essay on the Principle of Population (Ensaio sobre o principio da poboación, 1798), de Thomas Malthus; sen embargo, Darwin introduciu unha ruptura radical con respecto ao pensamento malthusiano: reduciu a súa aplicación á natureza e nunca aceptou as súas recomendacións político-sociais. Na súa segunda obra de síntese, Variation, reafirmou a existencia dunha capacidade para variar inherente aos seres vivos. Nesta obra intentou explicar a xeración e transmisión hereditaria das variacións cun mecanismo que implicaba a transferencia de partículas moi finas (xémulas) dende o corpo (representativas de cada unha das partes dese corpo) ás gónadas e ás células xerminais (os órganos reprodutores), que designou co nome de teoría da panxénese. Esta hipótese, que consideraba provisional, non puido ser confirmada experimentalmente e resultou ser errónea; sen embargo, inspirou a panxénese celular de Hugo de Vries e outras hipóteses semellantes que permitiron o redescubrimento en 1900 -de xeito simultáneo e independente por De Vries, Carl Correns e Erich von Tschermak- das leis da herdanza que Johann Gregor Mendel propuxera en 1866.
O efecto reversivo da evolución e a antropoloxía darwinista
En 1871 Darwin estendeu á humanidade a súa teoría da descendencia con modificacións por medio da selección natural, feito que supuxo a emancipación definitiva do discurso antropolóxico da supervisión teolóxica. Segundo recoñece na introdución de Descent, tiña un tripla obxectivo: demostrar que os humanos (como os restantes animais) descenden dun antepasado extinguido, estudar a súa evolución ao longo do tempo e interpretar a diversidade racial. Ao longo desa terceira grande obra de síntese, mostrou a continuidade das características humanas coas do resto dos mamíferos, polo que afirmou a pertenza do xénero Homo ao reino animal; estudiou as relacións filoxenéticas cos restantes primates e propuxo unha orixe africana para a humanidade; analizou os diferentes trazos físicos e culturais presentes en todos os grupos humanos, a partir dos que deduciu unha orixe común (monoxenismo) da humanidade; considerou a consecución do bipedismo como a causa principal da evolución humana; e, entre outras cousas, demostrou a igualdade biolóxica de todos os humanos. Preocupado polo futuro moral e social da humanidade, interesado pola orixe da cultura e animado pola aplicación da selección natural con carácter universal, describiu un continuum biolóxico-social que implicaba un efecto reversivo na evolución que, en termos simplificados, significa que a selección natural escolle a cultura (a través da selección dos instintos sociais), que se opón á selección natural (debido a que se impoñen un conxunto de normas e comportamentos antieliminatorios). En contra do que se ten repetido en numerosas ocasións, Darwin sempre se opuxo á extensión da selección natural (reducida á “supervivencia dos máis aptos”) á humanidade debido a que a selección natural intervén no transcurso da formación da humanidade seleccionando os comportamentos antieliminatorios e favorecendo as prácticas altruístas e solidarias; en definitiva, a selección natural móstrase na humanidade baixo a forma de civilización. Por outra banda, fronte aos teóricos do continuísmo bioloxicista ou do salto dualista, interpretou a relación natureza/cultura baixo un continuísmo materialista, que permite manter a independencia das ciencias humanas e sociais e produce unha teoría materialista das bases da moral.
A selección sexual e a selección natural
A selección sexual en Descent está amplamente documentada en numerosas especies zoolóxicas, tema ao que lle dedica unha boa parte do conxunto da obra. Froito destas investigacións, defendeu que a selección sexual depende da vantaxe que certos individuos teñen sobre outros do mesmo sexo e especie, unicamente respecto á reprodución; a selección sexual non se fundamenta na loita pola existencia, senón nunha rivalidade dos machos durante a competición pola posesión das femias. Neste sentido, cómpre salientar que o resultado da selección sexual é a descualificación ou exclusión da competición pola femia; sen embargo, o resultado da selección natural ten consecuencias eliminatorias.
A expresión das emocións
En Emotions, obra relevante na fundamentación teórica da psicoloxía e da etoloxía moderna, Darwin analizou dun xeito comparativo as manifestacións emocionais entre os humanos e os animais. Como nas investigacións anteriores, nesta obra realizou un amplo estudo que lle permitiu determinar a existencia de tres regras ou principios que explican o mecanismo que produce a maioría dos movementos expresivos: o principio da asociación dos hábitos útiles, o principio da antítese e o principio da acción do sistema nervioso. Así mesmo, ao longo desta obra estudiou a expresión dos sentimentos humanos (sufrimento, abatemento, ledicia, culpabilidade, temor, modestia, etc) para deducir que a maioría deles son hereditarios e innatos, aínda que un pequeno número de actos expresivos son aprendidos. A teoría darwinista das emocións, desenvolvida tamén en “A biographical sketch of an infant” (1877), traballo publicado na revista Mind e no que reflexionaba sobre as observacións realizadas logo do nacemento do seu fillo William Erasmus en 1839, e “Essay on instinct”, que apareceu de xeito póstumo na obra de George Romanes Mental Evolution in Animals (A evolución psíquica dos animais, 1883), baséase na herdanza dos hábitos adquiridos e afirma que a similitude entre os principais actos expresivos dun ser humano confirma a idea dunha orixe única de toda a humanidade.
As consecuencias do pensamento científico e moral de Darwin
Darwin -como Karl Marx, Friedrich Nietzsche, Albert Einstein e Sigmund Freud noutros ámbitos- é o autor dunha revolución científica que, polas súas consecuencias (biolóxicas, antropolóxicas, sociais, morais, etc), xerou unha ruptura radical no pensamento occidental, referida á aceptación da evolución das especies e da orixe animal dos humanos como unha certeza. Así, ademais de ser o autor dun novo método de investigación hipotético-dedutivo (a principal achega darwiniana recoñecida por Ghiselin), foi quen de elaborar un modelo de explicación das dinámicas evolutivas dos seres vivos (incluídos os humanos) baseado na filoxenia; no mecanismo establecido entre a variación, a selección e a diverxencia; na formación gradual dos órganos complexos por acumulación de vantaxes adaptativas; na canalización do azar; e nos equilibrios dinámicos dos ecosistemas. Ao longo da súa obra atópanse diversas reflexións éticas e filosóficas que non se poden separar do conxunto da súa obra científica, como a oposición á aplicación da doutrina da “supervivencia do máis apto” ao eido social ou ás medidas de selección artificial pensadas para mellorar as “razas” humanas. Neste sentido, logo da lectura de Descent no seo da coherencia dialéctica da súa teoría selectiva, cómpre recoñecer que se opuxo ao malthusianismo, ao euxenismo, ao escravismo, ao imperialismo e ao racismo, que consideraba dispositivos ideolóxicos negativos para o desenvolvemento da humanidade. Así mesmo, unha das principais consecuencias da revolución darwiniana refírese aos fundamentos da moral e da ética. Neste sentido, cómpre salientar que o darwinismo lle ofrece ao materialismo unha comprensión científica da ética e da moral, que se restablecen na súa autonomía e se presentan liberadas de todo presuposto relixioso, feito que lle permite restituír a ética e a moral á responsabilidade humana (non divina).
Recepción, refutación e desnaturalización do darwinismo
En contra da escasa repercusión que tiveron outros traballos científicos -como o descubrimento da herdanza dos caracteres por Mendel en 1866-, a recepción e difusión do darwinismo foi inusualmente rápida. De Origin fixéronse traducións ao alemán (1860 e 1863), francés (1862, 1873 e 1876), italiano (1864), búlgaro (1864), holandés (1864), ruso (1864, 1865 e 1896), sueco (1869), dinamarqués (1872), húngaro (1873), polaco (1873), castelán (1877), serbio (1878), xaponés (1896), chinés (1903), checo (1914), grego (1915), portugués (1924?), finlandés (1928), romanés (1950), hebreo (1960), hindú (1964), turco (1970), catalán (1982) ou vasco (1994). Coa obra Descent aconteceu algo semellante, así, fixéronse traducións ao alemán (1871), italiano (1871), húngaro (1871), holandés (1871), ruso (1871), francés (1872, 1875 e 1881), dinamarqués (1874), polaco (1874), jiddisch (1921 e 1926), búlgaro (1927), castelán (1902), portugués (1910), xaponés (1949), romanés (1967), turco (1968), sueco (1972) ou catalán (1984). A oposición ao darwinismo iniciouna no mesmo momento da publicación do Origin o bispo Wilberforce e foi continuada por todos os creacionistas posteriores. Os primeiros en presentar obxeccións científicas ao darwinismo foron sir Willian Thomson (lord Kelvin), autor das leis da termodinámica, quen obxectou principalmente que o tempo xeolóxico transcorrido era demasiado curto para que fose posible o gradualismo evolucionista que defendía Darwin; o enxeñeiro Fleeming Jenkin, quen obxectaba que a selección e o gradualismo non poderían combater a dilución debida aos cruzamentos; e St. George Jackson Mivart, un zoólogo convertido ao catolicismo que presentou como principal obxección que a selección natural non podería favorecer as variacións (aínda non adaptadas) que inician estruturas útiles. En Galicia, onde a obra de Darwin foi recibida por científicos como Víctor López Seoane, atopou a súa oposición en profesores como Francisco Romero Blanco ou Manuel Piñeiro Herba, ou en persoeiros, como Emilia Pardo Bazán, autora do artigo “Reflexiones científicas contra el darwinismo” (1877). Xa no s XX sostiveron actitudes semellantes Louis Vialleton, Michael Denton e, entre outros, os “creacionistas científicos” do Geoscience Research Institute (GRI), fundado en 1958 polos adventistas do sétimo día, e do Institut for Creation Research (ICR), fundado en 1972 por John Morris e Duane Gish, e fiel á ortodoxia dos baptistas do Sur. Arredor do ICR, xurdiu en Turquía a Fundación para a Investigación da Ciencia (FIC) e a obra de Hārūn Ya ḥ yà, autor de The Evolution Deceit e outros libros nos que pretende probar a existencia de Alá e defender a versión coránica da Creación. Todas as críticas dos creacionistas, que se limitan fundamentalmente a temas como as causas da variación, as formas intermedias nun proceso filoxenético gradual, a duración do proceso, o papel do azar na formación de organismo complexos como o ollo, etc, son reaparicións de vellos temas cada vez menos pertinentes e máis anacrónicas malia os esforzos realizados. Non obstante , ademais desa negación do darwinismo, coexisten dúas estratexias paralelas de falsificación do pensamento de Darwin dende posturas abertamente evolucionistas. A primeira destas estratexias, que procede por cooptación, é a tentativa de conciliación, tanto co espiritualismo filosófico, por exemplo a proposta por Henri Bergson na súa obra L’évolution créatice (A evolución creadora, 1907), como coa teoloxía natural, por exemplo a gran síntese desenvolvida por Pierre Teilhard de Chardin en Le phénomène humain (O fenómeno humano, 1955). Este evolucionismo teísta, máis lamarckiano ca darwinista, mediante un mecanismo que consistía en denunciar os erros (teoría da panxénese, etc) e asumir os acertos (evolución filoxenética das especies, etc) do darwinismo para integralos nunha teoría científica non-darwinista (ortoxénese, telexénese, etc), logrou dar a imaxe dunha superación do darwinismo. Esta operación foi sancionada polo Papa Xoán Paulo II, quen en 1996 acabou asumindo a consistencia científica da evolución das especies no marco dun dualismo espiritualista que sostén que o mundo -entendido como materia- e a alma foron creados por Deus. A segunda estratexia, de máis graves consecuencias debido a que os seus autores proceden por apropiación, deu lugar a certos “darwinismos” (dende o darwinismo social ata a sociobioloxía), que son o resultado da desnaturalización da obra de Darwin operada por científicos que se proclaman herdeiros seus. Este mecanismo ideolóxico, que fai de Darwin o fundador do darwinismo social ultraliberal (ó se mostrar partidario da asistencia social e rexeitar a aplicación da doutrina spenceriana da “supervivencia do máis apto” ao eido social), o pai do euxenismo ultraintervencionista (que denunciou por estar en clara contradición coa súa teoría, debido a que estendía a selección artificial á humanidade e se opuña á extensión da lei da simpatía, e co seu compromiso ético, xa que consideraba iguais a todos os humanos, calquera que fose a súa situación cultural ou física), o garante da expansión colonial imperialista (combatida en principio polos liberais, entre os que se atopaba el), o propagandista da competencia económica dura, un partidario do malthusianismo (cando rexeitaba a súa principal recomendación, relativa a aplicar nas sociedades humanas prácticas eliminatorias) e teórico do racismo científico (que rexeitaba como resultado dunha fundamentación ética derivada da súa teoría), une as propostas liberais de Herbert Spencer coas de Friedrich August von Hayek a través dunha liña ideolóxica que Darwin nunca compartiu, e que tiña como único obxectivo naturalizar as relacións sociais. Neste sentido, cómpre destacar que Andrew Carnegie (1835-1919) -quen partindo da máis profunda miseria chegou a ser o home máis rico do mundo- declarábase exemplo da veracidade do darwinismo (chegou a definirse como “industrial darwinista”) e baseaba as súas accións na doutrina de Spencer.
O darwinismo posterior a Darwin
Trala morte de Darwin quedaron sen resolver dúas cuestións que lle afectaban profundamente ao darwinismo: a natureza das variacións e as leis de transmisión hederitaria. O primeiro biólogo en afrontar eses problemas foi August Weismann en Über Vererbung (Sobre a herdanza, 1883), obra na que reflicte a súa teoría sobre a continuidade do plasma xerminativo que rompería definitivamente coa continuidade soma-xerme afastándose radicalmente das teses que afirmaban a herdanza do adquirido. O botánico De Vries, autor dunha teoría sobre a herdanza que tamén rexeitaba a herdanza dos caracteres adquiridos, defendía que o motor do cambio era a variación brusca (mutación) e non a acumulación gradual de pequenas variacións. Outros traballos fundamentais foron os desenvolvidos por Johannsen, autor da distinción entre xenotipo e fenotipo; William Bateson, oposto aos biómetras “darwinianos” da escola de Pearson; ou Müller e Stadler, que en 1926 demostraron experimentalmente os mecanismos da mutaxénese. Non obstante , malia eses avances científicos, os primeiros anos do s XX foron anos de crise debido ao antagonismo entre tres correntes diferentes: a neodarwinista, que rexeitaba a herdanza dos caracteres adquiridos; a neolamarckiana, que defendía que o cambio evolutivo era consecuencia da herdanza dos caracteres adquiridos; e a mutacionista, que afirmaba, a partir dos resultados da xenética mendeliana, que o cambio era consecuencia de mutacións singulares. En 1918 Fisher (da escola biométrica de Pearson) mostrouse aberto á reinterpretación da evolución a partir dos datos da xenética mendeliana e en 1930 publicou The Genetical Theory of Natural Selection (A teoría xenética da selección natural), coñecida como “síntese fisheriana”. Neste ámbito cómpre salientar a Haldane, que descubriu os mecanismos selectivos que afectan ás mutacións; Sewall Wright, que introduciu a idea da deriva xenética; e Philippe Teissier e Georges L’Héritier, que probarían que a selección natural non é máis que eliminar as desviacións, aínda que poida manter a variabilidade xenética. A partir de todos estes avances, Ernst Mayr, Theodosius Dobzhansky e George Gaylord Simpson elaboraron a teoría que se coñece como “teoría sintética da evolución”, e Faustino Bonet Cordón, que incorporou os resultados do estudo da evolución do metabolismo celular, elaborou a denominada “teoría dos niveis de integración dos seres vivos”.