Datas Panero, Alberto
Pintor. Estudiou na Escola de Artes e Oficios da Coruña (1948-1956) e trasladouse a Madrid como bolseiro pola Deputación da Coruña. En Madrid estudiou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando (1956-1961), centro no que foi profesor de colorido e composición (1969-1976). Foi catedrático de Pintura da facultade de Bellas Artes da Universidad Complutense de Madrid. Recibiu unha bolsa do ministerio de Asuntos Exteriores e trasladouse a Venecia, onde estudiou pintura mural con Bruno Saetti (1961-1962). Entre 1965 e 1968 recibiu unha pensión da Academia Española de Bellas Artes de Roma. A súa estética transcorreu dende o neorrealismo á abstracción máis absoluta e achegouse a propostas próximas á pop art, nas que as súas visións persoais se mesturan con imaxes de prensa e tipografías diversas, pero sen perder o poder da mancha e do debuxo. Nas súas obras o feo, o pobre, o mundo dos desapercibidos e do suburbio adquiren unha dimensión nova. Nun primeiro momento, as súas pinceladas tinguiron o lenzo dun certo figurativismo que deixaron paso a unha xestualidade que xa preparaba a súa andaina posterior, na que un expresionismo peculiar cheo de labirintos sígnicos tentaba reflectir unha realidade que pertence ao seu mundo interior. Nos anos 1961 e 1962 a súa obra evolucionou ata as poéticas do informalismo; entre 1962 e 1965 traballou en San Lorenzo de El Escorial cunha pintura de percepción directa da realidade en beneficio dunha abstracción que reflectiu un obxectualismo pitórico. En 1969 a representación de pegadas e vestixios dos homes introduciu un cambio na súa obra: os obxectos aparecen emerxentes no espazo cunha relación que renuncia á perspectiva tradicional, na que o protagonista esencial é o obxecto mesmo, confire unha nova dimensión grazas á trascendencia da mirada e ofrece visións de paisaxes anónimas, da xeografía da alma. Posteriormente, a súa obra situouse nunha etapa informalista, repleta de xestualismos e de acción, ambigua e polisémica, tanto conceptual -cunha intención catárquica que potenciaba o automatismo- como formalmente -co emprego de materiais diversos, texturas e grafías- e na que a man era unha pura transmisora de enerxía. Os grafismos e os trazos densos e libres rachan todo o formalismo para entrar na paixón e no berro plástico, como alegoría da morte, na busca dunha reflexión sobre a vida, a xeración e a destrución. A súa poética está na fusión entre o xesto barroco que rememora a pintura de acción mesturada coas figuras torturadas e dramáticas da herdanza expresionista europea, que no seu caso e sobre todo nos últimos anos non esqueceu as referencias figurativas. Integrante do colectivo Atlántica, participou nas mostras do grupo e, entre outras moitas colectivas, na Bienal de Valdepeñas (1985) e na I Mostra Unión Fenosa (1988). Entre as diversas exposicións cómpre destacar a organizada polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC, 1997-1998). Recibiu, entre outros galardóns, a Medalla de Bronce na IV Bienal de Alexandría (1965), a Medalla de Ouro na Exposición de Pensionados no Paular (Segovia, 1960), a Medalla de Ouro de San Raimundo de Peñafort (Madrid, 1960), a terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes (1962), o primeiro premio da Exposición de Artistas Gallegos (A Coruña, 1962), o Premio Francisco Alcántara do Círculo de Bellas Artes de Madrid (1963), o primeiro premio e Medalla de Ouro Ciudad de La Coruña (1963), e a Medalla de Prata do Ente Provinciale per il Turismo di Roma (1966). A súa obra está presente nos principais museos e coleccións.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña