Daugawa Riga

Daugawa Riga

Club de baloncesto feminino fundado en Riga (Letonia) no seo da compañía de transporte urbano. É o equipo que en máis ocasións gañou a Copa de Europa en calquera disciplina deportiva, con 18 títulos, e tamén posúe a plusmarca de triunfos consecutivos no campionato, os 12 que acadou entre as tempadas 1963-1964 e 1974-1975. A súa primeira vitoria obtívoa na segunda edición do torneo, na tempada 1959-1960, nun ano no que os equipos da capital letona lograron o dobrete, pois o ASK conseguiu o seu terceiro triunfo na terceira edición do campionato masculino. As dúas seguintes tempadas (1960-1961 e 1961-1962) rexistraron novamente a vitoria das campionas soviéticas. Dous anos despois (1963-1964) principiou o seu paseo triunfal por Europa. Completou o seu palmarés na máxima competición continental cos títulos de 1976-1977, 1980-1981 e 1981-1982. Ademais proclamouse campión da Copa Lilliana Ronchetti na tempada 1986-1987.