Daun, João Carlos d’Oliveira e
Militar e político, conde (1827), marqués (1834) e duque de Saldanha (1846). Neto do marqués de Pombal, uniuse aos franceses durante a ocupación, pero foi capturado polos británicos e marchou a Brasil. Participou na Campaña de Montevideo contra a independencia de Brasil e chegou á presidencia do goberno do Rio Grande do Sul (1822). En Portugal apoiou a monarquía fronte aos constitucionalistas e opúxose aos miguelistas. Durante a Guerra Civil (1832-1834) acadou un notable prestixio militar e, xunto con Palmela e Terceira, controlou os sucesivos gobernos conservadores, nos que participou como primeiro ministro (27.5.1835-18.11.1835). Dirixiu a secretaría de Estado de Negocios Exteriores en diversas ocasións (1847-1848, 1849 e 1869). O 1 de maio de 1850 protagonizou un golpe de Estado contra o goberno de Costa Cabral e como novo primeiro ministro (1.5.1851-6.6.1856) iniciou a Regeneração, caracterizada por unha serie de reformas administrativas e socioeconómicas que pretendían restablecer o equilibrio provocado polas loitas políticas. O 19 de maio de 1870 encabezou unha nova revolta militar e fíxose co poder ata o 29 de agosto de 1870. Entre outros cargos, foi embaixador en Madrid, Viena, París e Londres.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lisboa -
Deceso
Lugar : Londres