Daumier, Honoré-Victorin

Daumier, Honoré-Victorin

Pintor, debuxante, gravador e escultor francés. Era fillo dun vidreiro e trasladouse coa súa familia a París en 1814. Estudiou no obradoiro do pintor A. Lenoir e na Académie Suisse. Comezou a traballar como litógrafo en La Silhouette (1830) e La Caricature (1831-1834), onde realizou gravados satíricos contra o Rei Luís Filipe que o levaron ao cárcere. Cando a censura pechou La Caricature, o xornal cambiou o nome polo de Charivari, e nel continuou publicando os seus debuxos. Entre as súas litografías destacan Le ventre législatif (O ventre lexislativo), Le rue Transnonain (A rúa Transnonain), La liberté de la prese (A liberdade da imprenta) e L’enterrament de La Fayette (O enterro de La Fayette). En 1832 realizou unha serie de bustos satíricos en xeso encargados por Philippon, entre os que salienta O señor Guizot. Das súas esculturas, sarcásticas e caricaturescas, destaca Ratapoil (1850), na que simbolizou os novos tempos da República francesa. Amigo de Corot, Daubigny, Millet e Th. Rousseau, dedicouse á pintura pero cun estilo moi diferente a eles. Realizou obras de temática relixiosa, mitolóxica, literaria e social, sobre todo escenas cotiás. A súa pincelada longa e esbozada e unha acusada distorsión das formas convertérono nun precursor do expresionismo. Entre as súas obras destacan Les blanchisseuses (As lavandeiras, 1860-1862) e Le wagon de troisiéme classe (O vagón de terceira clase, 1862). Realizou tamén ilustracións entre as que sobresaen as de Don Quichotte (1850-1860).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Marseille

  • Deceso

    Lugar : Valmondois