David

David

Rei de Xudea e Israel (1010 a C -970 a C), fillo de Ixaí. Figura central da tradición veterotestamentaria, segundo a Biblia o profeta Samuel unxiuno en nome de Deus cando aínda era neno. Entrou na corte do Rei Xaúl pola súa habilidade musical coa harpa e converteuse en paxe do rei. Despois da súa vitoria fronte ao xigante filisteo Goliat, que tiña atemorizados os israelitas, Xaúl nomeouno xefe dos seus exércitos e ofreceulle en casamento a súa filla Micol. Non obstante , a súa popularidade causou a envexa do rei, que o tentou matar, polo que tivo que fuxir da corte. Formou entón un exército, co que entrou ao servizo de Áquix, rei da cidade filistea de Gat. Volveu despois da morte de Xaúl e foi proclamado rei de Xudea en Hebrón (1010 a C) polas tribos do S, pero tivo que agardar á morte de Ixbóxet, fillo de Xaúl, para que fose recoñecido polas tribos do N como rei de Israel (1002 a C). Conquistou a fortaleza xebusea de Sión, en Xerusalén, onde estableceu a súa residencia e capital, e comezou unha serie de exitosas campañas contra os filisteos, moabitas, cananeos e amonitas, que consolidou a independencia de Israel. No interior levou a cabo unha tarefa unificadora e centralizadora, pero os éxitos víronse limitados polas continuas tensións entre as tribos e polos feitos que envolveron a súa vida familiar: o comportamento de David con Urías para conseguir a súa esposa Batxeba, da que nacería Salomón; a violación de Tamar, filla de David, polo seu medio irmán Amnón e a vinganza de Abxalom. Nos últimos anos do seu reinado tivo que facerlles fronte ás disputas polo trono entre os seus fillos coa rebelión de Abxalom contra o seu pai, David, e as intrigas sucesorias do mesmo Salomón contra o primoxénito Adonías. Con posterioridade os cronistas xudeus idealizaron a época e a figura de David como un prototipo mesiánico. Por outra banda, a construción do templo de Xerusalén e a súa creación poético-relixiosa son achegas importantes de David á fe veterotestamentaria. Na iconografía cristiá foi representado como rei e como músico, como acontece na portada das Praterías da catedral de Santiago de Compostela. O renacemento italiano introduciu a representación do pastor adolescente que venceu a Goliat, pretexto que serviu a Donatello, Verrocchio e Michelangelo para analizar a figura masculina xuvenil.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Belén

  • Deceso

    Lugar : Xerusalén