David, Jacques-Louis
Pintor. Discípulo de Joseph-Marie Vien, gañou o Prix de Rome (1774) e trasladouse co seu mestre a Italia ata 1780; alí coñeceu a Antigüidade clásica. A súa obra caracterízase polo predominio do debuxo sobre a cor e pola sobriedade da linguaxe que se afastou da exhuberancia rococó. As obras Le serment des Horaces (O xuramento dos Horacios, 1784), Socrete au moment de prendre la cigüe (Sócrates no momento de tomar a cicuta, 1787) e Les liteurs rapportent à Brutus le corps de ses fils (Os litores lévanlle a Bruto o corpo dos seus fillos, 1789) consolidárono como artista neoclásico comprometido coa revolución. Foi membro da Convención e inspector xeral de Belas Artes. A Asemblea Nacional encargoulle en 1789 que realizase un cadro sobre o Sermente de jeu de paume (Xuramento do xogo da pelota), do que só se conservan os bosquexos. Inmortalizou os mártires da Revolución en La mort de Lepelletier (A morte de Lepelletier), La mort de Marat (A morte de Marat, 1793) e La mort de Bara (A morte de Bara). Encarcerado en 1794 por seguir a Robespierre, foi liberado polo Directorio ao ano seguinte. Abordou de novo o tema clásico en Les sabines (As sabinas, 1799) e, convertido no artista oficial de Napoleón, pintou Le sacre de Napolèon 1er le 2 décembre 1804 (A coroación de Napoléon I o 2 de decembro de 1804, 1805-1807). Ao caer Bonaparte (1815), exiliouse en Bruxelas. Cultivou tamén o retrato, entre os que destacan os de Madame Sériziat (1795) e Madame Récamier (1800). Entre os seus discípulos están Gros, Gérard, Girodet e Ingres. En 1784 elixírono académico.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso
Lugar : Bruxelas